Aula do IES de Chapela e Anxela López falando ao alumnado

Asistencia Persoal e dereitos humanos no IES de Chapela

O venres 16 de Decembro, Anxela López estivo no IES de Chapela dando unha charla sobre o dereito humano a unha Vida Independente aos alumnos do ciclo de atención ás persoas en situación de dependencia.

O seu relato, tal e como expuxo en charlas anteriores, apoiouse no marco normativo de referencia, na Convención da ONU e na observación xeral nº 5 ( 2017).

En relación aos medios de comunicación analizou dúas novas publicadas no diario Público do día 3 decembro:

  1. “Yo decido”, el lema de la estudiante Aitana Areste para que su parálisis cerebral no la frene. Como aspecto positivo, destacou a reivindicación da Vida Independente xunto a figura da Asistencia Persoal. Como negativo a terminoloxía empregada (sufrimento, padecemento, trastorno.. ), mesturando o modelo médico co modelo social.
  2. Ley de dependencia: ¿caridad y rehabilitación o fomento de autonomía personal? Outra publicación recomendada foi esta na que se fala do Movemento de Vida Independente e da necesidade do cambio de paradigma, con motivo da modificación da “Lei de Dependencia”.

Comentou que preferimos celebrar o día dos dereitos humanos, posto que é onde nos sentimos máis identificados. As persoas con diversidade funcional tamén formamos parte da diversidade humana e non queremos vivir da caridade. Reclamamos o que por dereito nos corresponde.

Non padecemos nin sufrimos a parálise cerebral, nin o autismo, nin a trisomía 21… o que padecemos e sufrimos con máis intensidade que outros seres humanos é a negación e a vulneración sistemática dos nosos dereitos humanos, a discriminación interseccional polas múltiples manifestacións da diversidade humana tal e como se sinala na Declaración Universal dos Dereitos Humanos:

“Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos. Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción algunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.”

Rematou a súa intervención solicitando e desexando para o ano 2023:

  1. A maior presencia nos medios e na política do paradigma dos dereitos humanos.
  2. Máis unión e menos división dentro dos colectivos discriminados.
  3. Máis inversión en Vida Independente e inclusión comunitaria e menos en institucionalización, traballando xuntas na construción dunha sociedade inclusiva baseada no recoñecemento, no respecto e na aceptación da diferencia.

No coloquio destácase a inquietude polas experiencias e punto de vista do asistente persoal.