Se quen lea estas liñas recoñece que cada vida humana é irrepetible e que todas as persoas teñen preferencias e realizan eleccións, logo tamén aceptará que o dereito de cada persoa a vivir súa propia vida como elixa non é discutible, e que é algo a garantir e protexer, sen excepción das persoas con diversidade funcional (DF). Esta é una reflexión xerminal do concepto de vida independente, que representa unha vía cara a liberación das persoas con DF.

Progresar nesta vía implica reparar nas limitacións que dificultan ás persoas con diversidade funcional para vivir conforme ás súas propias conviccións, escollendo como vivir a súa vida en igualdade de oportunidades co resto de seus concidadáns, por iso é conveniente explicar brevemente dous modelos de comprensión do fenómeno social da diversidade funcional: o modelo social e o modelo médico.

MODELO MÉDICO

O modelo médico eclipsa todas as características da persoa mediante a referencia única ao “déficit de” ou “insuficiencia”, e a forzosa intervención rehabilitadora: A persoa con diversidade funcional comparase con un estándar de “cidadán medio”, e deberase someter ás imposicións fundamentadas nos dispositivos científicos e técnicos para corrixir as deficiencias. Estimulase a dependencia dos avances científicos e tecnolóxicos que aspiran á “curación” ou a minimización da deficiencia, para lograr o axuste ao tipo “medio”.

MODELO SOCIAL

No modelo social a discapacitación das persoas sinalase como responsabilidade dos factores externos ao individuo, os cales impoñen restricións sobre as persoas con diversidade funcional. Desenvolveuse no contexto das persoas con diversidade funcional, formando grupos e comunidades que levaron a cabo accións e campañas para o cambio. A tarefa enfocase na sociedade para cambiar as políticas, actitudes e discriminación económica contra as persoas con diversidade funcional.

VIDA INDEPENDENTE

A filosofía de vida independente das persoas con diversidade funcional promove a superación do modelo médico-rehabilitador. O discurso teórico que estimula o avance do paradigma de vida independente, explica que o que ten que repararse non é a un individuo enfermo senón unha sociedade que non da cabida a todos os cidadáns.

Considera a persoa con diversidade funcional, como un suxeito titular de dereitos e obrigas cidadáns, de poder levar unha vida plena e activa, de controlar a súa vida, de decidir e de avaliar a súa situación e tomar decisións ao respecto, en definitiva de actuar tan independente como calquera cidadán. Mais para elo ten claro que hai que reclamar do Estado os apoios necesarios para compensar esa situación (acción positiva) e igualar as condicións de partida co resto dos cidadáns (igualdade de oportunidades).

Peche de activistas do MVI na sede do IMSERSO
Pancarta coa lenda 'Dereitos Humanos Xa'

Esta filosofía ten o seu fundamento nos dereitos humanos, na defensa da dignidade e da liberdade, entendendo a diversidade funcional como unha característica máis do ser humano, onde o problema non pode ser a persoa senón a forma en que está organizada a sociedade, que limita as posibilidades de actuar e de participar na comunidade en condicións de igualdade.

Pretendese un cambio para superar o enfoque tradicional que mostra á persoa con diversidade funcional como un enfermo, un suxeito de caridade ou un traxedia social, e saír de esa situación de dependencia na que se atopa, de sometemento e acatamento das decisión que toman outras persoas en vez de un mesmo, ou sexa de negación dos dereitos esenciais como é a liberdade e a igualdade.

INDEPENDENCIA

O primeiro obxectivo é conseguir a independencia, o que se relaciona coa liberdade individual e con dúas palabras claves: “control” e “elección” sobre o propio destino. Que a persoa poida decidir que quere ser, que quere facer, onde quere estar e con quen.

NADA SOBRE NÓS SEN NÓS

O movemento de vida Independente ten como lema “nada sobre nós sen nós”, e toma forma coa acción conxunta das persoas que traballan polos dereitos humanos e civís das persoas con diversidade funcional que seguen este novo enfoque tratando de difundir está filosofía.

LOITA CONTRA A EXCLUSIÓN

A filosofía de vida independente a través do seu movemento, loita contra a exclusión social que sofren as persoas con diversidade funcional, xa sexa de tipo físico, psíquico, visual, auditivo ou mental, mediante a loita pola independencia persoal (dispoñendo de accesibilidade, axudas técnicas, e asistencia persoal), e por outra banda que se inclúan de forma efectiva nos espazos correntes da educación, do emprego, e en tódalas actividades sociais; e dicir, en todos os ámbitos de participación da propia comunidade.

MESMAS OPORTUNIDADES DE VIDA E ELECCIÓN

Para conseguir a independencia das persoas con diversidade funcional, ou sexa a facultade de ter as mesmas oportunidades de vida e as mesmas oportunidades de elección na vida que o resto das persoas do seu entorno, a sociedade ten que estar organizada de xeito que se adapte as necesidades individuais das persoas con diversidade funcional (motoras, visuais, auditivas, mentais e intelectuais), sendo esencial para este fin que existan determinados sistemas de apoios tales como:

  • Información: coñecer cales son as opcións ás que podes aspirar de acordo necesidades e desexos.
  • Apoio de igual a igual: ánimo e guía dende a experiencia de outras persoas con diversidade funcional que xa conseguiron a independencia.
  • Asistencia persoal: axuda humana nas tarefas da vida diaria e de participación social.
  • Equipamento: axudas técnicas para diminuír a axuda innecesaria da asistencia directa, tales como cadeiras de rodas, grúas,elevadores, próteses…
  • Aloxamento: un lugar adecuado no que vivir.
  • Acceso ao entorno: chegar a onde todos chegan na comunidade para usar os bens e servizos dispoñibles.
  • Transporte: chegar a onde necesitas ir con medios de locomoción accesibles.

ORIXES DO MOVEMENTO

Ed Roberts durante un acto reivindicativoUn momento cardinal na historia deste movemento é a admisión de Ed Roberts na Universidade de California en Berkeley (UCB) en 1962. Paralizado dende o pescozo ata abaixo debido ás secuelas da poliomielite infantil, Roberts superou a oposición a ser admitido na UCB, sendo aloxado no hospital da universidade. Foi un acontecemento extraordinario. En pouco tempo, outros homes e mulleres con diversidade funcional tamén se incorporaron á universidade, e uníronse para loitar por servizos mellores e apoios para vivir independentes e incluídos na comunidade en vez de facelo no hospital.

Podemos considerar a Roberts como pai do Movemento de Vida Independente por ser a primeira persoa con gran diversidade funcional que aplicou a súa vida esta filosofía e que se desenvolveu sen parar dende os anos setenta ata os nosos días.

O MVI EN ESPAÑA

A principios dos 2000, e co obxectivo de impulsar o MVI en España, un grupo de activistas crearon o Foro de Vida Independente (FVI), unha comunidade virtual de reflexión e de loita polos dereitos das personas con diversidade funcional, afastada do asociacionismo tradicional, sen presidencia, sen directiva e sen orzamento.

En abril de 2003 participaron na organización do Congreso Europeo de Vida Independiente, celebrado en Tenerife, coa participación de más de 400 personas de 15 países.

En setembro de 2006, 23 activistas protagonizaron un peche de 24h na sede do IMSERSO en reivindicación de melloras na LPAP. Desde aquela, anualmente celebran a “Marcha por la Visibilidad de la Diversidad Funcional”, un acto reivindicativo polo centro de Madrid.

Durante estes anos, a reflexión, debate e investigación xerou numerosa documentación, artigos e a publicación de varios libros. Os seus membros teñen participado ademáis en numerosas ponencias, congresos, seminarios, etc. por todo o territorio español. O FVI interviu en varias ocasións no Congreso dos Deputados e en diferentes parlamentos autonómicos, trasmitindo as súas posturas nos temas relacionados coa diversidade funcional.

Grazas ao traballo do FVI xurdiron proxectos de asistencia persoal en varias comunidades autónomas. A consecuencia natural destes proxectos foi a creación de OVIs en Galicia, Barcelona, Andalucía… Estas OVIs agrupáronse posteriormente na Federación de Vida Independente (FEVI).

RECOÑECEMENTO LEGAL

A LIONDAU (2003) recoñece o dereito a unha «Vida Independente», expresando o dereito a unha participación máis activa de persoas con limitacións funcionais severas na comunidade sobre unhas bases novas: como cidadáns titulares de dereitos; suxeitos activos que exercen o dereito a tomar decisións sobre a súa propia existencia e non meros pacientes ou beneficiarios de decisións alleas.

En 2006 España asinou a Convención da ONU dos dereitos das persoas con discapacidade, un Tratado Internacional que se asenta no modelo social e de vida independente, declarando principios rectores como o respecto da dignidade inherente, a autonomía individual, incluida a libertade de tomar as propias decisións, e a independencia das persoas.

A Convención entrou en vigor no maio de 2008 e compromete ao estado español, que recoñece o dereito en igualdad de condicións de todas as personas con discapacidade a vivir na comunidade, con opcións iguais ás das demáis, e adoptarán medidas efectivas e pertinentes para facilitar o pleno goce deste dereito, asegurando en especial que: As persoas con discapacidade teñan acceso a servizos de apoio da comunidade, incluida a asistencia personal que sexa necesaria para facilitar súa existencia e súa inclusión na comunidade e para evitar seu illamento ou separación desta.

Acto reivindicativo 'Atados bien atados'

Servizos de apoio da comunidade, incluida a asistencia personal que sexa necesaria para facilitar súa existencia e súa inclusión na comunidade e para evitar seu illamento ou separación desta