A igualdade e a liberdade das persoas con diversidade funcional no CIFP Portovello
O pasado 15 de decembro, Anxela López volveu ao CIFP Portovello para participar nunha charla co alumnado e profesorado do centro.
Comezou lamentando que 75 anos despois da Declaración de Dereitos Humanos, teñamos que seguir insistindo en que todo ser humano ten os mesmos dereitos e liberdades, que se nos deixe de percibir como unha carga social, baixo unha tutela permanente, incapaces de asumir o paradigma dos Dereitos Humanos, de abandonar ese enfoque asistencial e parternalista, que nos discrimina e que nos impide desenvolvernos como persoas e recoñecernos como parte da diversidade humana.
Resaltou que o movemento de vida independente comparte a mesma reivindicación e os mesmos postulados do movemento feminista, LGTB+ e racial e, con todo, é o único que non se sinte representado nos medios de comunicación, nin a nivel social, cultural e político. Engadiu que de feito, nos debates electorais, nos discursos do Congreso dos Deputados e nos parlamentos autonómicos, non se mencionan nin se dan a coñecer os programas de Asistencia Persoal de Madrid e Barcelona nin os decretos de Valencia e Galicia, que sen dubida precisan mellorar cunha Lei de Vida Independente e estenderse ao resto do Estado.
Aclarou que a igualdade e a liberdade das persoas con diversidade funcional nunca se poderá garantir con medidas caritativas e asistenciais:
- Concedendo unha libranza de 30 horas como máximo de AP, impoñendo unha titulación obrigatoria en Sociosanitaria e mantendo un copagamento en función da renda e do patrimonio.
- Construíndo centros, transportes ou espazos segregados para determinados seres humanos para que poidan vivir, formarse, traballar, viaxar ou divertirse.
- Habilitando unha área accesible e outra non nun edificio.
- Contando historias de superación ou traxedias persoais nos medios de comunicación ou nas actividades culturais.
- Concedendo un bono de coidado no fogar.
Lembrou a obriga que asumimos dende 2008 coa Convención da ONU e a observación n5 (2017) de:
“Substituír todo entorno institucionalizado por servizos de apoio á vida independente”.
Reclamou e desexou para o ano 2024:
- Reformar integramente o artigo 49 da constitución e demais normativa nacional, autonómica e local, acorde co mandato da convención ONU incluíndo unha linguaxe que non siga perpertuando a discriminación que pesa sobre nós e apostando polo termo diversidade funcional.
- Maior atención ás demandas históricas do movemento de Vida Independente, para avanzar e non retroceder poñendo máis trabas no cumprimento do dereito a unha vida independente e a inclusión na comunidade, visibilizando e fortalecendo a Asistencia Persoal como alternativa real á institucionalización.
Rematou cunha frase da política e activista estadounidense Cynthia Mckinney:
“Somos moito máis fortes cando nos tendemos a man e non cando nos atacamos, cando celebramos a nosa diversidade […] e xuntas derribamos os poderosos muros da inxustiza”.
O coloquio final foi moi participativo, con especial interese na inxustiza do copagamento, a figura do garante para persoas con diversidade intelectual e a asistencia persoal de menores de idade e maiores de 65 anos.