Mozo en cadeira de rodas acompañado da súa asistente persoal

ASISTENCIA PERSOAL

A asistencia personal (AP) é un servizo de apoio á Vida Independente e á promoción da autonomía das persoas con diversidade funcional.

Mediante o apoio dun asistente persoal, permite ás persoas con diversidade funcional asumir plena responsabilidade e control sobre as súas vidas. Proporciona solucións personalizadas e posibilita así a independencia, a igualdade de oportunidades e a participación social.

O servizo de

ASISTENCIA PERSOAL

O Servizo de AP é o medio para favorecer a participación plena na sociedade das Persoas con Diversidade Funcional. O obxectivo é proporcionar unha asistencia suficiente que posibilite permanecer no domicilio e entorno social elixidos, e poder desenvolver unha Vida Independente autoxestionada de acordo coas súas posibilidades. A AP abrangue tanto a atención ás necesidades domésticas e as axudas específicas da vida diaria, como as necesidades relativas á formación, emprego, lecer, maternidade, etc.

Que é un

ASISTENTE PERSOAL

O Asistente Persoal (AP) é aquela persoa que realiza ou axuda a realizar as tarefas que unha persoa con Diversidade Funcional que non pode facer por si mesma. Un AP non é un familiar, un voluntario ou un amigo, é un profesional que recibe un salario a cambio do seu traballo. A relación deberá estar regulada mediante un contrato profesional no cal a persoa con diversidade funcional (usuaria da asistencia) é a parte contratante que debe definir, xestionar e controlar o servizo.

Realidade da

ASISTENCIA PERSOAL

Menciónase por primeira vez no ano 2003, na LIONDAU e no 2006, a LPAP defínea. A prestación do Estado a través da LPAP “pode” ser complementada con orzamentos a cargo das Comunidades Autónomas. Esta achega por parte dos gobernos autonómicos ou non existe ou é claramente insuficiente, polo que non pode considerarse unha prestación digna. O resultado desta situación desemboca no carácter residual da AP en España en comparación con outros países europeos.

En Galicia, malia aos esforzos por parte de VIgalicia por ter unha prestación axustada á necesidade real de asistencia, a insuficiencia de horas fai que na actualidade estea lonxe dos obxectivos marcados inicialmente polo Parlamento. Alén diso, na práctica, déixase en mans de entidades que nin promoven nin defenden a autodeterminación das persoas con diversidade funcional e fan un uso interesado da prestación.

Asistencia persoal en Galicia

PREGUNTAS FRECUENTES

Que lei regula a Asistencia Persoal?

O acceso á AP esta contemplado na Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia (LPAP). En Galicia, complementando á LPAP esta regulado no Decreto 15/2010, de 4 de febreiro; Decreto 149/2013, de 5 setembro; Orde de 2 de xaneiro de 2012 desenvolvemento do Decreto 15/2010, de 4 de febreiro; Orde de 12 de setembro de 2012.

Que trámites debo facer para ter AP?

Iniciar o proceso coñecido como PIV (Proposta Inicial de Valoración) dirixíndose para iso aos servizos para este fin situados na túa área de residencia (por exemplo, ao Traballador/a Social do Concello). Alí iniciaranse os trámites que seguirán despois o seu curso nos servizos dispostos pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. No seu momento, técnicos desa Consellería manterán co solicitante unha entrevista de avaliación desa necesidade manifestada.

Se esa avaliación é positiva, canto tarda o proceso?

Pode demorarse ata dous anos. Depende da vontade política e da dotación orzamentaria da Xunta. Pero se a avaliación é positiva, ao solicitante comunicaráselle un GRAO DE DEPENDENCIA (I, II e III) e unha porcentaxe. Este Grao é o verdadeiro pasaporte para optar polos servizos que dispón a lei (centro de día, tele-asistencia, etc.). Entre eles está a ASISTENCIA PERSOAL. Ou mellor dito, o PAGO DIRECTO ao usuario para que contrate ese servizo.

Concedida a prestación, como accedo á asistencia?

Un usuario non pode contratar directamente un AP salvo que este sexa traballador autónomo. As outras opcións son contratar o servizo a través dunha empresa do sector autorizada (tipo axuda a domicilio) ou a través de organizacións de persoas con discapacidade que ofrezan ese servizo directa ou indirectamente.

Como escollo o provedor do servizo?

Empresa de servizos autorizada. Seleccionar varias empresas preto do domicilio do usuario e solicitarlle orzamento establecendo como mínimo as seguintes condicións.

    • O usuario pagará a cantidade que teña asignada (1500/1700€).
    • A empresa contratará o asistente persoal que propoña o usuario. Pode escollelo entre os que lle oferte a empresa ou seleccionalo pola súa conta.
    • O asistente persoal estará contratado baixo o convenio de “axuda a domicilio”. É un requisito imprescindible e deberá constar na documentación xustificativa. Hai que lembrar que aínda que o convenio sexa “axuda a domicilio” non é necesario que o AP teña esa titulación.
    • Establecerase un horario “habitual”, pero coa maior flexibilidade posible.

    As empresas establecerán as condicións que consideren oportunas e o usuario deberá avaliar o número de horas que recibirá, sobrecostes a cargo do usuario, posibles eventualidades, etc. para poder decidirse pola mellor opción.

    Organizacións de persoas con discapacidade. As mesmas condición que para empresas, tanto se ofrecen o servizo directamente como se o fan a través de terceiros.

    AP autónomo. Deberá estar dado de alta no módulo correspondente. Firmarase un contrato de prestación de servizo onde conste o importe que se vai pagar, as horas de asistencia, horarios, etc.

Cantas horas de asistencia vou ter?

A libranza supón un máximo de 1500€, isto debería supor máis de 30h de asistencia diurnas á semana (de 6 da mañá a 10 da noite, e de luns a sábado).

Se o usuario necesita parte da asistencia nun horario diferente ao diurno (domingos, festivos, horario nocturno, etc) poderá solicitar un complemento para “periodos especiais”. Se é concedido o total, obterá 200€ máis, (1700€). Posto que a asistencia se realiza en horarios cun prezo/hora máis elevado, isto non suporía un aumento do número total de horas.

Quen pode ser o meu asistente persoal?

Calquera persoa, independentemente do seu perfil profesional, sempre que non teña ningún impedimento legal para poder ser contratada. Con todo, para que o servizo se desenvolva o mellor posible, a experiencia inpón que o asistente non teña vínculos familiares ou de amizade coa persoa usuaria.

Mentres non haxa cambios normativos, non é indispensable que teña unha formación sociosanitaria e ningunha empresa ou entidade o pode impoñer. Se a persoa que queres contratar non conta con esa titulación, só hai que entregar á administración un documento firmado no que o asistente personal se compromete a realizar esa formación se a administración a require nun futuro.

Que formación debe ter o asistente persoal?

Ningunha en especial.

O adestramento nas súas funcións debe ser realizada polo propio usuario, que debera contar coas habilidades necesarias para realizar ese labor, explicando as súas necesidades específicas e preferencias. Será preciso que lle explique as súas rutinas do día a día e como satisfacelas mellor.

Nos primeiros días no traballo é aconsellable que a persoa con diversidade funcional conte con alguén que estea familiarizado coas súas necesidades para mostrarlle ao AP o desenvolvemento correcto dalgunhas tarefas (trasladarse da cama á cadeira de rodas, por exemplo). Esta persoa podería ser un membro da familia ou un AP que traballase anteriormente.

Cal é o rol do usuario?

A asistencia persoal non é un servizo sanitario. Non se descarga nos profesionais (AP, traballadores sociais…) a responsabilidade do que conleva o servizo, limitándose o usuario a recibir a asistencia de forma pasiva.

O usuario deberá levar a iniciativa e coñecer todo o relativo á prestación e como se aplica. Desde o trato coa administración, presentación da documentación requirida, ata o desenvolvemento diario do propio servizo.

É imprescindible que estea familiarizado co concepto de Vida Independente, debe coñecer os seus dereitos e obrigas, e saber exercelos.

Funcións do

ASISTENTE PERSOAL

Un Asistente Persoal pode realizar calquera tarefa, dependendo das necesidades da persoa para a que traballa. Estas tarefas deben ser pactadas previamente por ambas partes.

Podemos dividir as principais tarefas en diferentes áreas:

  • Tarefas persoais: serán todas aquelas que están relacionadas directamente coa persoa, talles como o aseo (lavar, duchar, afeitar, depilar, etc.), vestirse, levantarse da cama, axuda nas necesidades fisiolóxicas, axuda para comer, beber, espirse e deitarse, preparación e toma de medicamentos. Atender o teléfono, tomar notas, pasar páxinas etc.
  • Tarefas do fogar: as que se realizan dentro da vivenda, desde a limpeza da propia vivenda, pasando por facer as camas, ordenar a roupa, utilizar os electrodomésticos, ata facer a comida ou atender animais ou plantas.
  • Tarefas de acompañamento: trátase de acompañar á persoa con diversidade funcional na súa casa, no traballo, na rúa (ben sexa para xestionar papeis, ir ao banco ou á compra), nas viaxes e nas actividades de lecer. Así como no tempo de vacacións.
  • Tarefas de condución: cando ademais de acompañar, o asistente ten que conducir un coche, xa sexa para levar ou recoller á persoa con diversidade funcional, acompañala a recoller a terceiros, etc.
  • Tarefas de Comunicación: Na interpretación dos diferentes Sistemas Alternativos de Comunicación que en ocasións utilizan persoas con limitacións na comunicación, (p. ex. Algunhas persoas con parálise cerebral)
  • Tarefas de coordinación: as referidas á planificación do día a día e á axuda de toma de decisións.
  • Tarefas excepcionais: serán aquelas que veñen provocadas por unha crise da persoa asistida (que pode ser de carácter físico ou psíquico). Actuarase sempre aténdose a un protocolo previamente establecido para tales casos pola propia persoa asistida.
  • Tarefas especiais: as referidas a actividades relacionadas coas relacións sexuais (entendendo por estas as que implican o acompañamento ou axuda na preparación).

En 2010 VIgalicia puxo en marcha a

OFICINA DE VIDA INDEPENDENTE DE GALICIA