Vida Independente e Asistencia Persoal no CIFP Compostela
Na charla celebrada o pasado xoves, 29 de febreiro, coa docencia e o alumnos de Integración Social e do ciclo de atención as persoas en situación de Dependencia do CIFP Compostela, Anxela López defendeu a importancia de entender e empregar unha terminoloxía positiva e non discriminatoria, ligada a filosofía de Vida Independente, como é a de “persoas con diversidade funcional”, fronte a “persoas con discapacidade”, que ven a etiquetar a un grupo humano como “menos válido” comparado a outros que non o son, vulnerando así o principio de igualdade e de dignidade emanado da Declaración de Dereitos Humanos e da propia Constitución, e perpetuando esa visión capacitista que impide recoñecernos como parte da diversidade humana. Coa fin de comprender mellor a ideoloxía que emana do concepto de diversidade funcional visualizouse un vídeo de Javier Romañach, cocreador do mesmo xunto a Manolo Lobato.
En relación o novo DECRETO 142/2023, do 21 de Setembro, que regula entre outros servizos a libranza para a Asistencia Persoal en Galicia, destacou como aspecto positivo a supresión do copagamento e a redución dos trámites burocráticos, mais lamentou que se continúe sen atender a finalidade desta libranza, que non é outra que garantir a Vida Independente e a inclusión na comunidade, tal e como dispoñen o art. 19 da convención da ONU, e a observación num.5 (2017), e que se manteña o enfoque médico-rehabilitador, limitando a cobertura das necesidades de apoio unicamente a contratación dun Asistente Persoal para actividades formativas ou laborais, ou actividades básicas da vida diaria.
Por outra banda, aledouse de que, por primeira vez nunhas eleccións galegas, se incluise no programa electoral dunha formación política, “Sumar Galicia”, a nosa proposta de Lei de Vida Independente xunto coa aposta do BNG de que os maiores poidan vivir nas súas casas, sendo os centros residenciais o último recurso. Salientou que, sen dúbida, todos estes pequenos xestos representan un paso adiante e unha esperanza de cambio no cumprimento do disposto na observación nº5 (2017), onde se di expresamente que:
“Suprimirase o uso de fondos públicos para a construción de institucións residenciais, investindo en mecanismos de vida independente na comunidade e adecuando todos os servizos xenerais para que estes sexan inclusivos, garantindo a súa accesibilidade e dispoñibilidade para todas as persoas, con fin de permitir a súa inclusión e participación en todos os ámbitos da vida”.
Aclarou que a inversión en mecanismos de Vida Independente non se pode confundir co servizo de axuda a domicilio, que aínda que contribúe a permanencia das persoas no seu entorno, segue deixando a xestión do mesmo en mans das institucións Dende o 2008, asumimos un compromiso cos Dereitos Humanos, E polo tanto debemos fortalecer e visibilizar a Asistencia Persoal coma alternativa á institucionalización para toda a cidadanía galega, introducíndoa no discurso político e nos medios de comunicación.
Por último, falouse do dereito á Asistencia Sexual, que xunto coa Asistencia Persoal é un dos pilares fundamentais para conseguir unha vida Independente.
Rematou cunha cita de Rosa Park: A igualdade non é un soño, é un dereito inalienable
.
No coloquio, interveu tanto o alumnado como a docencia, tratándose temas como a diferencia entre prostitución e Asistencia Sexual (recomendándose a película “vivir y otras ficciones“) o plan de Vida Independente, o dereito asumir riscos e a formación da AP.