QUE É UNHA OFICINA DE VIDA INDEPENDENTE?
Unha OVI é unha ferramenta para xestionar a contratación de Asistencia Persoal e tramitar a nivel administrativo e legal a documentación asociada á prestación.
Asemade, é unha entidade por e para o empoderamento das persoas con diversidade funcional que a constitúen.
Os obxectivos dunha OVI son: gañar maior autonomía persoal, maiores oportunidades de participación na comunidade, máis control sobre os servizos dedicados e maior independencia para as persoas con diversidade funcional que a forman.
Unha OVI debe ser un espazo entre iguais, un modelo de cooperación, capacitación e autoxestión, un apoio básico para materializar unha Vida Independente.
As Oficinas de Vida Independente (CIL, ILC, CVI) existen desde hai décadas nos países onde a asistencia persoal está desenvolvida. Aínda que poden ter diferentes formas xurídicas (asociación, cooperativa…) as funcións e obxectivos dunha OVI son as mesmas.
A nivel estatal, as OVIs baseadas no Movemento de Vida Independente agrúpanse na Federación de Vida Independiente, da que VIgalicia é membro fundador.

OFICINA DE VIDA INDEPENDENTE DE GALICIA

En marzo de 2010 VIgalicia incorporou entre os seus servizos unha Oficina de Vida Independente (OVI) baixo as premisas do Movemento de Vida independente.