Anxela López Leiceaga durante o desenvolvemento do taller

Taller “O poder de amarse, tocarse, e ser tocado”

Convidada por FADEMGA Galicia plena inclusión, Anxela López Leiceaga, presidenta de Vigalicia, acudiu ao Carballiño a dinamizar un taller de asistencia sexual dirixido ás persoas con diversidade intelectual.

Baixo o título: “O poder de amarse, tocarse, e ser tocado”, no encontro destacouse a importancia da formación en sexualidade das persoas con diversidade funcional, como un primeiro paso para facer realidade este dereito humano recoñecido nos artigos 12, 23 e 25 da Convención da ONU .

Anxela fixo fincapé na toma de conciencia da necesidade de reivindicarnos como seres sexuados, desexantes e desexados. Un factor clave na transformación social para o cambio desa percepción asistencial e paternalista predominante que nos infantiliza e anula como persoas. Un cambio de paradigma necesario e fundamentado nos dereitos humanos, onde a sexualidade xoga un papel fundamental no empoderamento, na igualdade e na liberdade das persoas.