Anxela López Leiceaga acompaña por membros da Revista Galega de Educación

Presentación do nº 87 da Revista Galega de Educación

Os dias 17 e 24 de Abril presentouse respectivamente na Fundación Padeia na Coruña e na Facultade de Ciencias da Educación en Santiago de Compostela o nº 87 “Saúde mental e educación” da Revista Galega de Educación, onde, entre outros participantes, interveu Anxela López, autora do artigo “Educación de Calidade: Integración ou Inclusión?”.

Comezou a súa intervención agradecendo aos coordinadores da revista, Manolo Armas e Ana Parada, que contaran con ela para ofrecer a visión do alumnado con diversidade funcional e tamén a todas aquelas persoas, profesionais e familiares (citando especialmente o proceso xudicial de Rubén Calleja) que traballaron e traballan para que todas poidamos ir ás mesmas escolas. Engade que o que pretende con este artigo é explicar a través da súa experiencia persoal dous conceptos que se confunden, integración e inclusión, co fin de que a comunidade educativa e a sociedade en xeral, entenda, reflexione e actúe conforme ao paradigma dos Dereitos Humanos, sendo a educación un instrumento fundamental na construción dun mundo máis xusto, inclusivo e pacífico.

Subliñou que avanzamos moito como sociedade na defensa da igualdade entre homes e mulleres, nos dereitos LGBTB+ e raciais… mais sempre excluímos e obviamos a realidade da diversidade funcional.

Lamentou que na lexislación se siga fomentando a escolarización nos centros de educación especiais. Como claro exemplo disto referiuse ao art .74.1 na L.0.3/2020 do 29 de Decembro, aínda vixente na actual modificación, onde se dispón que:

“A escolarización deste alumnado en unidades ou centros de educación especial, que poderá estenderse até os vinte un anos, só se levará a cabo cando as súas necesidades non poidan ser atendidas no marco das medidas de atención á diversidade dos centros ordinarios”.

Este artigo ven a amparar á administración educativa, permitindo alegar problemas de falta de persoal e de recursos para derivar a nenos, como Noa en Valladolid, a centros especiais, vulnerando unha vez máis o dereito humano á educación inclusiva previsto no art.24 da Convención da ONU:

“Os Estados Partes recoñecen o dereito das persoas con diversidade funcional á educación. Con miras a facer efectivo este dereito sen discriminación e sobre a base da igualdade de oportunidades, os Estados Partes asegurarán un sistema de educación inclusivo a todos os niveis, así como a ensinanza ao longo da vida”.

Afirmou que a inclusión no sistema xeneral de educación xera unha maior inclusión da persoa na comunidade, e que un alumno segregado na escola é un ser humano en risco de exclusión social. Todo iso en referencia ás comparecencias de Carmen Ocaña e Nuria Aparicio, en representación de Solcom, do pasado 18 de marzo na 709ª sesión, 30ª reunión do Comité sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (CDPD), celebrada en Xenebra).

Insistiu en que a inclusión é indispensable para que todas recibamos unha educación de calidade. Unha educación onde se recoñeza e se valore a todo ser humano por igual, superando ese enfoque caritativo e paternalista, propio do modelo “médico-integrador”, e centrándonos no paradigma dos dereitos humanos e na transmisión dos valores, principios e ideas que emanan da filosofía de Vida Independente. Isto conlevará un cambio na cultura e na maneira de deseñar e aplicar as políticas públicas, reducindo a desigualdade e contribuíndo a un maior benestar e saúde mental para todas, especialmente das persoas discriminadas pola súa diversidade funcional.

Explicou que a figura da Asistencia Persoal que quixo introducir no seu artigo, entendida como un apoio humano financiado con fondos públicos, e dirixido e controlado pola persoa con diversidade funcional de cara a vida independente, foi substituída, por error, pola denominación “Persoal Auxiliar Coidador”, quedando só a referencia bibliográfica. Pretendíase visibilizar a Asistencia Persoal como instrumento esencial na consecución da igualdade de oportunidades e no pleno desenvolvemento persoal do neno/adolescente/adulto, evitando “dependencias excesivas e innecesarias” do entorno familiar, a cotío causantes de frustracións e conflitos. Engadiu que a Asistencia Persoal é un apoio que libera á persoa do control institucional, e que existe en Norteámerica dende os anos 70, grazas a Ed Roberts e Judy Heumam. Estes activistas do Movemento de Vida Independente lideraron na universidade de Berkeley (California) unha alternativa á institucionalización que sentou as bases para garantir o dereito á vida independente e a inclusión na comunidade (art.19 da Convención da ONU e observación num.5 de 2017).

Aclarou que o Persoal Auxiliar Coidador é a antítese do que nós demandamos, pois trátase dun funcionariado da Xunta Galicia, e porén dun servizo asistencial, onde o control e a elección están en mans das institucións.

Por último, lembrou que tres décadas despois de Berkeley, no 2003, este Movemento chegaría a Galicia en colaboración coa USC (concretamente coa Unidade Técnica, onde traballaba meu pai), e con Javier Agrafojo (coordinador do SEPIU) na creación dun Servizo de Asistencia Persoal para os estudantes con diversidade funcional, incluíndo habitacións adaptadas ás necesidades das persoas con diversidade funcional e contando cunha habitación contigua para o AP.

Posteriormente, no 2007, impulsaríase o proxecto piloto de Asistencia Persoal a través dunha PNL co apoio unánime do Parlamento Galego.

Actualmente, dende o ano 2010, existe un dereito, aínda que insuficiente, a unha libranza de Asistencia Persoal, regulado no Decreto 142/2023 do 21 de setembro.

Concluíu, cunha frase:, «Non podemos permitir que a historia se repita. Debemos aprender dela para crear un futuro mellor» (Rosa Park).