Participantes no terceiro encontro provincial pola inclusión

Anxela López na mesa redonda “Muller e Diversidade”

Audio: pontevedraviva.com


Vigalicia agradece á Deputación de Pontevedra o convite a participar no terceiro encontro provincial pola inclusión que tivo lugar ó pasado 29 de Outubro.

Na mesa redonda “Muller e Diversidade” deuse a coñecer Vigalicia, entidade de Dereitos Humanos, que promove e impulsa dende o ano 2006 a alternativa á institucionalización forzosa das persoas con diversidade funcional.

Na súa intervención, Anxela López foi crítica cos políticos, aos que recriminou que falen sempre en termos de igualdade, tendo en conta unicamente a discriminación por razón de xénero, obviando outras circunstancias da persoa, como por exemplo a diversidade funcional.

Lembrou que VIgalicia impulsou, tanto en 2007 como de novo en 2018, unha proposición non de Lei que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos parlamentarios de Galicia, recoñecéndose o dereito á vida independente e á inclusión na comunidade, de acordo co establecido no artigo 19 das Nacións Unidas.

Lamentou que o discurso político siga promovendo un modelo médico rehabilitador, situando ás persoas con diversidade funcional que necesitan apoios para vivir con dignidade como dependentes, e ofrecéndoselles como única solución o coidado a cargo do entorno familiar ou en prazas residenciais.

Destacou asemade, a importancia de contar cunha asistencia persoal suficiente e non adulterada, que sexa unha ferramenta de empoderamento e unha alternativa real á vida nunha institución.
E que para Anxela López o copagamento da asistencia persoal e unha “penalización” á persoa, que se ve obrigada así a destinar parte do seu salario á atención persoal.

Pechou a súa intervención, lembrando a súa compañeira Marita Iglesias, cofundadora da entidade e experta en xénero e diversidade funcional, cando dicía:

“Sácasenos do discurso de reivindicación feminista, e trasladásenos como híbrido non identificable ao discurso asistencialista dos servicios sociais”