Priorizando Asistencia Persoal sobre a institucionalización
O Martes 1 de Decembro, as alumnas de integración social e Dependencia do CIFP Portovello, contaron un ano máis coa presenza de Anxela López. Desta volta por videoconferencia, deu a coñecer o labor de VIGalicia, explicou que se entende por Asistencia Persoal e Vida Independente, dereitos humanos recoñecidos no art 19 da Convención da ONU.
Cabe destacar, da súa intervención, a esperanza de cambio nas políticas públicas, dirixidas á atención das persoas en situación de Dependencia, ante o fracaso do modelo residencial posto de manifesto nesta pandemia da Covid19.
Anxela insistiu na necesidade de promover e impulsar de inmediato a alternativa a institucionalización, proposta do Movemento de Vida Independente, unha Asistencia Persoal digna a través dunha Lei específica de Asistencia Persoal e Vida Independente (LEVI) que se remitiu á Comisión de Reconstrución Social e Económica do Congreso dos Deputados, o pasado mes de xuño, coincidindo co sinalado neste ano 2020, polo Comité da ONU dos dereitos das persoas con diversidade funcional:
“Los Estados deben garantizar la seguridad e integridad de las personas con diversidad funcional y acelerar las medidas de desinstitucionalización . La pandemia de COVID-19 , ya ha afectado a residencias de personas mayores, hospitales psiquiátricos y otros centros donde existen mayores riesgos para las personas con diversidad funcional que aún se encuentran en ellos”
Por último na súa memoria, visualizouse a última intervención nos medios do activista valenciano Ismael Llorens, presidente da Oficina de Vida independente de Valencia (VICOVAL), onde se anunciaba a equiparación da Asistencia Persoal ao custo dunha praza residencial na Comunidade Valenciana.
Para finalizar, abriuse un pequeno debate onde o alumnado manifestou as súas inquedanzas.