Pancarta coa lenda 'Dereitos humanos xa'

Propostas electorais de VIgalicia para as próximas eleccións autonómicas

Con motivo das vindeiras eleccións autonómicas galegas, a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente (VIgalicia) recolleu entre os seus membros e seareiros a apreciación sobre os asuntos e medidas que máis urxen en materia de apoios e de inclusión para a cidadanía con diversidade funcional en Galicia.

O resultado desa sondaxe, expresada en propostas, foi enviada ás diferentes formacións que se presentan ás eleccións e poden ser incorporadas aos programas electorais e ás accións políticas dos diferentes partidos, coa fin de facer unha Galicia máis inclusiva.

Todas as medidas aportadas están amparadas pola normativa vixente no Estado, son necesarias e xustas, sobre todo para os que aínda non poden vivir de acordo aos estándares dos seus concidadáns por causa do seu funcionamento corporal e a escasa acción inclusiva na nosa comunidade. De facerse efectivas, aportarían graos de liberdade, igualdade, pluralidade e calidade democrática ás persoas que o precisan e esperan con urxencia.


Propostas electorais para as eleccións autonómicas de 2020


Ámbito vida independente

  • Implantación dun Sistema galego de asistencia persoal para a Vida Independente conforme ao Artigo 19 da Convención da ONU e guiada pola Observación Xeral nº 5 do Comité dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, dando cumprimento ás dúas PNL aprobadas polo Parlamento de Galicia.
  • Posta en marcha dun programa piloto de asistencia persoal de tránsito dende o actual modelo de dependencia ao modelo de Vida Independente determinado pola Convención.
  • Eliminación dos copagamentos nos servizos e prestacións de apoio á autonomía individual vixentes que soamente implican axuda persoal.
  • Programas de tránsito da institucionalización cara a alternativas arraigadas en modelos de vida autónoma e inclusión na comunidade, na contorna social e xeográfica do individuo, cumprindo co mandato da Convención da ONU.
  • Establecer un recurso de verificación de transposición efectiva e práctica da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (ONU 2006) ligado á Oficina do Valedor do Pobo.

Ámbito accesibilidade

É necesario un órgano fiscalizador que garanta o cumprimento do Artigo 9 da Convención de Nacións Unidas de 2006 en todos os ámbitos da vida comunitaria.

  • Creación dunha autoridade central autonómica responsábel de axilizar o desenvolvemento da RDLeg 1/2013 do 29 de Novembro, Texto Refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, e supervisar o seu cumprimento, coa fin de mellorar os medios dispoñibles, e a súa accesibilidade e seguridade.
  • Fomentar a aplicación efectiva dos principios de deseño universal en todas as etapas de planificación de infraestruturas do goberno galego e establecer unha Axencia autonómica da Accesibilidade Universal encargada de fiscalizar eficazmente e garantir o cumprimento íntegro do Artigo 9 da Convención de Nacións Unidas de 2006 en todos os ámbitos da vida comunitaria para garantir a accesibilidade universal nas infraestruturas existentes e futuras.
  • Programas de eliminación de barreiras arquitectónicas e do transporte (con especial intensidade no ámbito rural) e da comunicación conforme ao espírito da Convención e o RDLeg 1/2013 do 29 de Novembro con prazos improrrogables de implementación, incluíndo recursos sancionadores eficaces (por tratarse de cuestións que afectan o exercicio de Dereitos Humanos básicos: deambular libremente, comunicarse, acceso ao o medio…).

Ámbito ensino

Políticas educativas inclusivas:

  • Promoción dun programa de investigación sobre estratexias e programas eficaces que garantan a inclusión plena nos ciclos educativos de primaria e secundaria de persoas con diversidade funcional.
  • Creación de centros de referencia e desenvolvemento dun modelo autonómico pro-inclusión.
  • Creación dun programa universitario dirixido a aumentar as taxas de participación de persoas con diversidade funcional na educación superior.

Ámbito sexualidade

  • Desenvolver un proxecto piloto de Asistencia Sexual que permita adquirir o coñecemento necesario para que os poderes públicos recoñézano como dereito e asuman as súas responsabilidades para facelo efectivo.

A Asistencia Sexual trátase dun apoio específico (dirixido ás persoas cuxa forma de autonomía consiste en facer as cousas coas mans doutra persoa) para materializar o dereito ao propio corpo, á intimidade e ao libre desenvolvemento da personalidade. Ten carácter instrumental, non terapéutico nin educativo. Trátase, dun traballo sexual cun marco propio, diferente aos marcos doutros traballos sexuais (estriptis, prostitución, pornografía, masaxe erótica, etc.) Os roles de cada parte, persoas asistidas e asistentes, son idénticos aos da asistencia persoal, mentres que as accións corresponden ao ámbito dos traballos sexuais.

Ámbito civilidade

  • Programa de medidas de sensibilización e a transmisión de valores para loitar contra o estigma cultural da diversidade funcional, así como a discriminación e toda forma de violencia que incide especialmente nas mulleres e as nenas con diversidade funcional.
  • Lexislar acorde a políticas que recoñezan que as accións que violan o dereito á integridade psíquica e corporal de mulleres e homes con diversidade funcional, incluíndo os tratamentos psiquiátricos, a institucionalización forzosa ou a esterilización non consentida, deben ser considerados actos de violencia como o acoso sexual, o denominado “bullying”, etc., delitos todos eles que non revisten igual condena ou tratamento social e mediático no caso das persoas con diversidade funcional.