Mesa redonda de andaina sobre muller e diversidade funcional
Na tarde do pasado 28 de outubro, a revista galega de pensamento feminista Andaina celebrou unha Mesa Redonda-Debate sobre Muller e Diversidade Funcional. A cita tivo lugar na Fundación Granell (Santiago de Compostela) ás 19:00 horas. En dita mesa redonda participou a membro de VIgalicia e do Foro de Vida Independente, Anxela López.
A primeira intervención correu a cargo de Isabel Lodeiro, membro do Foro de Vida Independiente, que foi a encargada de coordinar os expedientes sobre diversidade funcional que publicou a revista Andaina nos seus números 48 e 49.
Lodeiro comezou a súa alocución dicindo que, na súa opinión: hoxe debería ser un día para lembrar en Galicia, pois o tema do que estamos a tratar hoxe aquí apenas se fala xa, non só en Galicia, senón mesmo en España. Tan só existe unha iniciativa similar no País Vasco. Este é un motivo para que todos e todas nos sintamos orgullosos
.
Isabel Lodeiro destacou que: somos das primeiras en pórlle un nome a este problema, ás situacións de desvantaxe que temos as mulleres con diversidade funcional, as opresións e as exclusións. Todo isto feito baixo a perspectiva do Movemento de Vida Independente
.
A membro do Foro de Vida Independente quixo falar de tres temas moi claros: feminismo, democracia e política.
Sobre a primeira temática apuntou:
¿por qué é importante para o feminismo este tema? Esta é unha pregunta que o feminismo debería facerse posto que se debería empezar a ter en conta a diversidade funcional o que sería un feminismo entre todas e para todas. Hai que ter en conta a ese grupo de mulleres que padecen múltiples exclusións, como o demostra o feito de que un 80% de mulleres con diversidade funcional están desempregadas e só o 3,6% ten estudios universitarios. O feminismo non pode excluír a ningún colectivo. O feito de que o feminismo teña en conta a diversidade funcional redunda en beneficio de todas.
En referencia á democracia, Lodeiro afirmou: non sei moi ben de que democracia estamos falando se o colectivo de mulleres con diversidade funcional se ve privado de dereitos que figuran claramente na Constitución española ou mesmo na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Unha democracia que se queira considerar como tal non pode deixar fora do sistema a colectivos por consideralos minoritarios
.
Á hora de falar de política, fixo referencia a un artigo titulado Orgullo contra Prexuízo
de Beatriz Jimeno no que se afirma que: politizar a diversidade funcional é máis difícil que politizar a opresión dos gais ou lesbianas xa que a homofobia e misoxinia non son mais que prexuízos recubertos de odio, é doado responder ao odio. A diversidade funcional, por contra, non xera odio senón compaixón e é difícil ofrecer unha resposta política á compaixón. Esta compaixón é unha maneira de encubrir a discriminación coa que se trata a diversidade funcional, por iso temos que liberarnos da compaixón allea. A diversidade funcional esixe unha resposta política á opresión, non precisamos caridade nin compaixón senón igualdade
.
A seguinte en facer uso da palabra foi a membro de VIgalicia do Foro de Vida Independente, Anxela López. As súas primeiras palabras foron para explicar que é VIgalicia e cal é a misión que se persegue dende a asociación: promover a asistencia persoal e a asistencia tecnolóxica como chaves para acadar unha vida independente segundo o propio Ideario de Vida Independente. É un cambio de mentalidade onde o individuo pasa de ser un suxeito pasivo que non aspira mais que á subsistencia, a ser un suxeito activo con dereitos e obrigas que participa na sociedade responsabilizándose da súa propia vida e asumindo riscos ao igual que calquera outra persoa
.
Para exemplificar ese ideario, Anxela López, proxectou un extracto do documental “Desde la Experiencia” integrado no libro de Juan José Maraña La Experiencia de la Independencia no que Soledad Arnau, Coordinadora da Oficina de Vida Independente (OVI) de Madrid e o seu asistente persoal nos falan dos beneficios desta figura.
Para rematar a súa alocución, López aludiu á necesidade de que os poderes públicos enfoquen a diversidade funcional como algo universal que precisa de políticas transversais que abarquen todos os aspectos no lugar de ser algo relegado soamente aos servizos sociais posto que: de nada me serve unha boa política de emprego se logo non podo ir traballar por non ter un transporte adaptado en condicións, por exemplo
.
Tras esta intervención, tocoulle a quenda de palabra á Concelleira Delegada de Benestar Social e Muller do Concello de Santiago, Mar Martín.
A Concelleira relatou que: a primeira vez que escoitei falar de diversidade funcional serviume para facer unha reflexión e cheguei á conclusión de que diversos somos todos o que ocorre é que a sociedade impón un límite a esa diversidade a partir do cal se establece a normalidade que é a que che permite facer unha vida independente, esta normalidade non deixa de ser algo artificial e imposto
.
Para Mar Martín, esta reflexión: levoume a darme conta de multitude de problemas nos que nunca reparara. Por exemplo, o acceso á saúde: por lei todos temos acceso á saúde, pero hai certas persoas que, polas súas características, teñen vetados certos servizos polo simple feito de que ninguén pensou neles (o caso das revisións xinecolóxicas e de certas mulleres con diversidade funcional)
.
Ás administracións sempre se nos ocorreu facer espazos acondicionados (residencias) para que as persoas con diversidade funcional poidan ter a súa vida, no canto de pensar en acondicionar o entorno para poder convivir todos. Temos que tentar evitar os guetos, teremos problemas senón conseguimos facer do mundo un lugar de acceso universal para todos”.
Por último, Martín manifestouse a favor de implantar políticas transversais en materia de diversidade funcional para deixar de falar de diversidade e poder facer referencia á igualdade entre todas as persoas.
A derradeira intervención tivo como protagonista a Ana Luísa Bouza, Directora Xeral S.G.I da Xunta de Galicia.
Bouza manifestou sentirse responsable, como parte da Administración, da situación das persoas con diversidade funcional posto que: a Administración ten unhas obrigas e ten que acadar que a diversidade non sexa obxecto de desigualdade. Esa obriga témola clara dende a Xunta de Galicia pero, ao ter uns recursos limitados, temos que establecer unhas prioridades que ás veces non coinciden coas demandas dos movementos sociais. Son estes movementos sociais os que nos din cara onde deben ir as nosas políticas
.
A Directora do S.G.I, ve moi importante: incorporar a perspectiva de xénero á diversidade funcional
.
Ana Luísa Bouza rematou a súa alocución facendo referencia a datos demográficos da diversidade funcional en Galicia e lembrando as fases de implantación da LEPA.
Con isto, rematou a mesa redonda e deuse paso a un tempo de debate no que se falou, sobre todo, acerca do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal en Galicia e dos seus resultados.