Entrevista a Alejandro Rodríguez Picavea
Alejandro Rodríguez Picavea, membro do Foro de Vida Independente e usuario do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal da Comunidade de Madrid:
É incrible a situación do proxecto piloto de asistencia persoal en Galicia
Segundo a súa opinión, ¿porque se segue a optar por un sistema de internamento residencial sen adoptar as medidas propias do modelo de Vida Independente, cando este demostra ser un modelo máis beneficioso para o propio usuario e incluso mellor economicamente para o estado?
Nun principio hai que falar de dous ou tres factores fundamentais para que isto sexa así.
Hai que ter en conta que vimos dun modelo médico-rehabilitador que é un modelo puramente asistencial no que normalmente se impón dende arriba as cousas que conveñen ás persoas con diversidade funcional, é dicir, levamos toda a vida escoitando que o mellor para unha persoa con diversidade funcional é estar nunha residencia.
Outro factor é a falla de información. A xente demanda información sobre modelos de organizar o seu proxecto vital pero non sabe onde acudir para acadar dita información, temos un déficit de información.
Estes dous factores pódense conxugar con que normalmente en España só existían dúas saídas para as persoas con diversidade funcional ou o apoio informal (familiares, amigos,…) ou a residencia. A xente non sabe que hai unha terceira vía que é a que representa a asistencia persoal e é de esperar que a medida que se dea a coñecer este modelo, as cousas cambien.
Por outra banda, hai que darse conta que no sistema residencial hai moitos intereses creados (solo, ladrillo, dotación de mobiliario, persoal cualificado,..) que fan moi difícil a asunción dun modelo onde ninguén, agás o propio usuario, pode sacar un beneficio xa sexa económico ou político.
As entidades que xestionan estes centros residenciais están suxeitas a unhas condicións de funcionamento que esperan que sexan iguais por sempre e aí está o problema.
Falando da súa experiencia como usuario do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal da Comunidade de Madrid, ¿os resultados obtidos son satisfactorios e demostran que o modelo é transplantable en calquera outro lugar?
Si, por suposto. Eu creo que iso queda reflectido nos datos que vimos no día de hoxe e que se resumen en que durante dous anos e medio un total de 62 persoas están a facer unha vida activa coas mesmas oportunidades que os seus concidadáns. Deixamos claro que podemos ser persoas que participan igual na sociedade. Pasamos de ser suxeitos pasivos a persoas activas.
Esta situación non só é un beneficio individual senón que é un beneficio para toda a sociedade xa que sendo suxeitos activos as repercusións son mais beneficiosas (na saúde, no social, na economía,…) no conxunto da sociedade. En definitiva vivimos a nosa vida que non é mellor nin peor que a dos demais, é a que nós queremos vivir.
Isto reflíctese nunha situación na que os dereitos das persoas están por enriba dos recursos. Esta é unha cuestión de dereitos fundamentais e os dereitos non se poden contabilizar.
Vista a experiencia de Madrid, ¿que opinión lle merece a situación do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal en Galicia?
Paréceme alucinante. É sorprendente que se queira prescindir dun proxecto que, na teoría, foi bo. O obxectivo do proxecto era o mesmo que no caso de Madrid pero non se plasmou do mesmo xeito e, aínda que ten moitas máis carencias, non se pode dubidar que é unha boa experiencia para os seus usuarios.
Paréceme incrible que a Xunta de Galicia asuma que un grupo de persoas que teñen a súa vida autónoma e activa dentro da sociedade deixen de gozala sen máis, non me cabe na cabeza.
¿Que supón a recentemente aprobada Convención da ONU polos Dereitos das Persoas con Discapacidade de cara ao futuro?
É unha revolución social. A partir da súa entrada en vigor, o pasado 3 de Maio, no estado español pasa a ter rango de lei superior o que supón que as persoas con diversidade funcional poderemos reclamar ao estado que todo o ordenamento xurídico deste país se adecúe á citada convención.
Ademais hai que ter en conta que na convención está moi presente o ideario de Vida Independente e a necesidade de ter nunha vida en igualdade de oportunidades dentro do entorno de cada persoa, algo moi importante que veremos cada vez máis nun futuro próximo.