Anxela López Leiceaga premiada pola Fundación Amigos de Galicia
Na mañá do pasado 3 de decembro, a Secretaria de Organización de Vigalicia e activista polos dereitos humanos Anxela López, recibiu ex aequo xunto coa súa nai, Asunción Leiceaga, o Premio Manuel I. Piñeiro “Pallín” que cada ano concede a Fundación Amigos de Galicia.
A Casa do Concello de Rábade foi o escenario da entrega destes III PREMIOS MANUEL I. PIÑEIRO ‘PALLIN’ nas categorías de eliminación de barreiras arquitectónicas, que recaeu no Concello de Laxe, e na categoría persoal. O Voceiro da Fundación Amigos de Galicia, Luis Rial, foi o encargado de presentar este acto de entrega de Premios.
A persoa que dá nome a estes galardóns, o Vicepresidente da Fundación Amigos de Galicia, Manuel I. Piñeiro “Pallín” , destacou que: estes premios serven para demostrar que, se todos nos concienciamos, as persoas con diversidade funcional poderán ter unha vida igual á de calquera outro cidadán. Para acadar este obxectivo é fundamental a ferramenta da Asistencia Persoa.
A seguinte en intervir foi Anxela López que recolleu o seu galardón:
este premio dá a coñecer a realidade das persoas que queremos vivir doutra maneira pero que non podemos pola incapacidade que demostran as administracións para escapar dun sistema asistencialista que nos oprime e nos condena a vivir en institucións. É moi difícil de entender que situacións de discriminación se produzan hoxe en día como nos casos dos dous rapaces da provincia de Pontevedra aos que a Consellería de Educación obriga a escolarizarse en centros específicos en contra da opinión dos seus pais, o cal se fai aínda máis inadmisible dende a entrada en vigor da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con diversidade funcional. Este premio vai dedicado a todas as persoas oprimidas, ás persoas que loitan en favor dos dereitos humanos e, especialmente, ao Movemento de Vida Independente.
Seguidamente, tomou a palabra a súa nai Asunción Leiceaga:
Este premio non me corresponde a min. Teño a profunda convicción de que a loita pola igualdade é un deber de toda a cidadanía.
A administración excesivamente burocratizada non ofrece solucións os problemas reais e moitas veces a propaganda a través dos medios de comunicación se contradí coa práctica provocando situacións de claro retroceso a inclusión.
Leiceaga falou acerca do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal de Galicia:
un proxecto que xa se está a levar a cabo noutras partes do Estado español pero no que Galicia, desgraciadamente, volve quedar atrás. Ante situacións como esta precisamos de discursos comprometidos e veraces e para iso temos a sorte de contar coas persoas do Foro de Vida Independente que falan de, Autodeterminación de Inclusión de Participación un novo enfoque da diversidade e novas formas de relación,… este premio quero dedicarllo aos verdadeiros protagonistas Marita, Juanjo, Kiko, Adolfo e Antón, en definitiva, os membros do Foro de Vida Independente porque teñen a forza da vontade para facer realidade os seus soños. Tamén quero compartilo con Ubaldo, o pai de Anxela, por ser o noso principal apoio e con todas aquelas persoas que están a ser vítimas de discriminación, en especial, os dous rapaces da provincia de Pontevedra aos que facía referencia Anxela.
É moi importante contar co voso recoñecemento pero aínda o é máis a sensación de estar a cumprir co meu deber de estar a contribuír para que as persoas con diversidade funcional vexan cumpridas as súas lexítimas aspiracións.
O Alcalde de Laxe, Antón Carracedo, agradeceu a distinción aínda que recoñeceu que: queda moito por facer. A min encántame pasear e gozar da nosa marabillosa terra e creo que as persoas con diversidade funcional tamén deben ter ese dereito de pasear e gozar das praias e paisaxes de Laxe.
Do mesmo xeito, o Edil de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes, admitiu que: oxalá chegue o día en que este premio, na súa categoría de eliminación de barreiras arquitectónicas, non teña unha razón de ser.
Na súa intervención,o Presidente da Asociación Amigos de Galicia, Jesús Busto, afirmou que: a vontade dos alcaldes e das distintas administracións e fundamental para a eliminación de barreiras arquitectónicas e, en iso, Rábade é un exemplo.
A mañá rematou coas palabras de Blanca Rodríguez Pazos, Delegada na provincia de Lugo da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Tras felicitar aos galardoados, a Delegada recoñeceu que:
entendo perfectamente as demandas do Foro de Vida Independente e sei que son necesarias pero, moitas veces, a administración non pode dar resposta a todas as necesidades porque os recursos son limitados e non se pode garantir a igualdade de oportunidades. A Vicepresidencia ten un compromiso coa sociedade e proba del e a nova Lei Galega de Servizos Sociais recentemente aprobada.