Asistentes á xornada

Xornada aberta sobre asistencia persoal e vida independente

Na mañá do pasado sábado 18 de Outubro tivo lugar na Residencia Universitaria Monte da Condesa unha Xornada Aberta sobre Asistencia Persoal e Vida Independente organizada pola Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente Galicia (Vigalicia). Dita Xornada foi un punto de encontro onde se tratou acerca do ideario de Vida Independente e de como se está a levar a cabo a implantación en Galicia dos servizos de asistencia persoal en comparación a outros puntos do estado español ou mesmo en relación a outros países europeos.

Juan José Maraña

A primeira intervención, ás 11:00 horas, correu a cargo de Juan José Maraña, membro tanto de VIgalicia como do Foro de Vida Independente. Maraña fixo un repaso á evolución histórica da situación das persoas con diversidade funcional dentro da sociedade ata o nacemento e difusión do modelo de Vida Independente. En palabras de Maraña este repaso é necesario xa que: se sabemos onde estamos, trabucarémonos menos.

Para Juan José Maraña: o movemento de Vida Independente e a sociedade están desconectados xa que, ata este momento actual, a historia da humanidade considerou ás persoas con diversidade funcional máis como un produto do sistema no canto de ser vistos como cidadáns: somos un negocio (pasamos de fenómeno social a fenómeno de mercado)”. Fronte a esta concepción ideario de Vida Independente que ten como pedra angular o dereito de autodeterminación das persoas con diversidade funcional: o individuo como xestor da súa propia vida. Rómpese así co papel xestor do profesional para darlle o mando da súa propia vida á persoa. Esta é unha cuestión que emana dos máis básicos dereitos humanos.


Alejandro Rodríguez Picavea

O seguinte en tomar a palabra (12:30 horas) foi Alejandro Rodríguez Picavea, membro do Foro de Vida Independente e usuario do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal da Comunidade de Madrid.

Picavea falou do novo modelo da diversidade: un modelo que prima a dignidade das persoas sobre a súa capacidade e a diversidade sobre a normalidade.

Alejandro Picavea destacou a figura do asistente persoal como fundamental para o desenvolvemento do modelo da diversidade. O asistente persoal é aquela persoa que che axuda a levar a cabo todas aquelas tarefas da vida diaria nas que o precises, tendo sempre moi claro que as decisións son tomadas polo propio usuario do servizo xa que: no momento que ti deixas de tomar as decisións o asistente persoal deixa de selo. Para o membro do Foro de Vida Independente é fundamental o pago directo xa que: axuda a que o asistente persoal te valore como xefe, xa que es ti quen lle paga.

A continuación, Alejandro repasou os seus anos nunha residencia e o avance que o Proxecto piloto de Asistencia Persoal da Comunidade de Madrid supuxo para el e para os demais usuarios do mesmo: “a residencia serviume para saber o que non desexaba que fose o resto da miña vida”.

Unha vez fora da residencia Alejandro foi un dos usuarios do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal da Comunidade de Madrid que coordina a Oficina de Vida Independente (OVI) de Madrid e que é xestionado por ASPAYM Madrid e que actualmente da asistencia persoal a 62 persoas con diversidade funcional con óptimos resultados.

Picavea rematou a súa intervención lembrando a importancia da Convención das Nacións Unidas polos Dereitos das Persoas con Discapacidade que o estado español ven de ratificar recentemente.


Anxela López, Adolfo López e Kiko Fernández

A xornada de tarde comezou (16:30 horas) coa intervención dos membros de VIgalicia e do Foro de Vida Independente, Anxela López e Francisco Fernández. Estes fixeron un repaso á evolución do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal da comunidade autónoma galega. Segundo as opinións expostas: o proxecto desvirtuouse dende a entrada en escena dunha terceira entidade (COGAMI) que non segue os preceptos do ideario de Vida Independente.

A frustración e incerteza dos usuarios de dito proxecto de cara ao futuro máis próximo quedou patente xa que como recalcou López: o proxecto non serviu á finalidade para a que foi creado.

José Antonio Novoa e Adolfo López

O remate a esta Xornada, ás 19:00 horas, correu a cargo do Presidente de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independente, José Antonio Novoa.

Tras a proxección dun vídeo no que se relatan as experiencias de usuarios de Asistencia Persoal da Cooperativa ULOBA de Noruega, Novoa pasou a falar da fallida experiencia do proxecto piloto galego.

En opinión de Novoa: a asistencia persoal non é unha cuestión de cartos senón de como se enfoquen as ferramentas sociais para o cumprimento dos nosos dereitos humanos unha cuestión que non souberon ver os encargados de levar a cabo o recentemente rematado Proxecto Piloto.

Novoa destacou que a clave do modelo de vida independente: é o empoderamento, ou sexa, a toma de poder por parte das persoas para controlar súas propias vidas. A asistencia persoal é a ferramenta social que permite a consecución de este empoderamento que converte ás persoas con diversidade funcional nun cidadán máis e non nun minusválido.

Por último tras a exposición das cifras doutros proxectos, reparou na insuficiencia das horas destinadas a asistencia persoal e criticou a pouca información que reciben os usuarios do Proxecto Piloto galego: é máis doado obter información de experiencias similares de Madrid, Barcelona ou mesmo de Noruega ou do Reino Unido que do proxecto piloto galego.

Tras a intervención de Novoa deuse paso a un foro de discusión co que rematou esta xornada.