Anxela López dirixíndose ao alumnado do CIFP Lauro Olmo

Asistencia Persoal: unha ferramenta clave para a desistitucionalización

O pasado 14 de febreiro, tivo lugar no Barco de Valdeorras o encontro con VIgalicia organizado polo CIFP Lauro Olmo. A docencia e o alumnado dos ciclos de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e Coidados Auxiliares de Enfermería tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a traxectoria do movemento de vida independente xunto coa figura do asistente persoal, un dereito humano imprescindible para levar unha vida digna fóra das institucións.

Anxela López lembrou que este mesmo día, hai 16 anos, celebrouse o pleno onde se aprobou por unanimidade do parlamento Galego a primeira PNL, impulsada pola entidade en relación a Asistencia Persoal, cuxo froito foi a posta en marcha dun proxecto piloto durante o período 2007-2009 e a súa posterior implantación na nosa comunidade a través dun Decreto do ano 2010 e recomendou a lectura desta reportaxe do ABC.

Cabe destacar o manifestado en relación co proxecto do Decreto da Xunta de Galicia onde se regulan, entre outras prestacións, a da Asistencia Persoal, aplaudindo que se inicie esta reforma logo de 13 anos co propósito de garantir unha Vida Independente, que o seu predecesor nin tan sequera contempla. Mais, por outra banda, lamentou que se quede nunha mera declaración de intencións sen máis, posto que entra en contradición co establecido no seu articulado, onde levar un vida independente é misión imposible.

Anxela aclarou que as funcións do Asistente Persoal son dar apoio, cando, onde e como a persoa o requira, para a realización do seu proxecto vital e que non limitarse a uns reducidos ámbitos da vida persoal, como o acceso a un proxecto formativo, laboral ou ocupacional como pretende a administración. Destacou asemade, que non se debe establecer unha participación no coste do servizo, cando se trata de cubrir unha necesidade tan básica e fundamental do ser humano.

Insistiu, novamente, na obriga que teñen os poderes públicos de desbotar os proxectos de construción de centros residencias e apoiar os encamiñados a desinstitucionalización de todas as persoas, sen exclusións. Lembrou a observación nº 5, concretamente onde se di que:

“Os espazos institucionais poden ofrecer ás persoas con discapacidade un certo grao de posibilidades de elección e de control, pero esas decisións limítanse a esferas concretas da vida e non modifican o carácter de segregación que conlevan as institucións”.

Abriuse un coloquio onde se explicaron as diferencias entre a película “Las Sesiones” e a asistencia sexual. Como remate, a petición das asistentes, proxectouse o vídeo “Yo me masturbo”, que forma parte da campaña de promoción do filme “Vivir y otras ficciones”.