Asistencia Persoal e Dereitos humanos en Rianxo
O pasado 29 de Abril, VIGalicia estivo no CIFP Félix Muriel co alumnado do ciclo de atención ás persoas en situación de Dependencia. Anxela agradece no nome da entidade que cada vez máis colexios profesionais se sumen a dar a coñecer o modelo da diversidade funcional e a vida independente invitando ás persoas que promoven e impulsan dende o ano 2005 a Asistencia Persoal. Isto implica a obriga dun cambio de paradigma baseado nos dereitos humanos, amparado polo artigo 19 da Convención da ONU do 2006.
Lamenta que transcorridos máis de 15 anos das nosas demandas, se sigan destinando a maior parte dos fondos públicos á institucionalización, priorizando os servizos asistenciais e de caridade. Así, unha parte da diversidade humana queda controlada e sometida ao criterio profesional e institucional, vulnerándose sistematicamente os seus dereitos humanos, sobre todo os das persoas ás que non lle queda outra opción que vivir en centros residenciais.
Critica que ao día de hoxe non se teña implantado un sistema de Asistencia Persoal digno e universal, acorde co citado artigo 19 da Convención da ONU, e seguindo as directrices da observación número 5 da ONU do ano 2017, para a súa correcta interpretación e aplicación.
Falou da importancia da Asistencia Persoal como o instrumento chave para o apoderamento, a inclusión na comunidade e a Vida independente das persoas con diversidade funcional e das persoas maiores, sen excepcións.
Para ilustrar mellor a exposición, visualizouse un vídeo sobre a Asistencia Persoal, e outro máis concreto en torno a diversidade intelectual (“Zaloa, la experiencia de la Independencia”) onde se pode entender perfectamente o rol a desempeñar da Asistencia Persoal, a diferencia doutros servizos tradicionais dirixidos ás persoas con diversidade funcional (axuda a domicilio, vivendas tuteladas e coidados no entorno familiar).
Para rematar, fíxose referencia á figura da Asistencia Sexual, equiparando o seu rol e xustificación ao da Asistencia Persoal, pero no ámbito especifico da sexualidade. Abriuse a continuación un pequeno, pero intenso debate onde ademais de afondar neste tema, incidíndose nel como dereito humano. Tratáronse ademais cuestións como a relación laboral da Asistencia Persoal.