Aprobada por unanimidade no Parlamento a iniciativa que pide avanzar na prestación de Asistencia Persoal

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade proposición non de Lei presentada por En Marea recollendo as demandas de VIGalicia, na que se solicitaba avanzar na prestación de Asistencia Persoal para as persoas con diversidade funcional incrementando no inmediato as contías económicas da mesma. Aprobouse así mesmo, avanzar nesta prestación no marco da Convención Internacional sobre o dereito das persoas con discapacidade. O último dos puntos aprobados da iniciativa de En Marea pedía trasladar ao Goberno do Estado a necesidade de mellorar a prestación, avanzando cara modelos que permitan a adaptación ás necesidades de cada individuo e que no marco do grupo de traballo do Imserso sobre a prestación de asistencia persoal, se estude a posibilidade de avanzar cara un modelo de autoxestión por parte das persoas usuarias.

A deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, salientou na súa intervención no pleno a necesidade de retomar a aposta do Parlamento pola Vida Independente, como pide Vigalicia, pasada xa unha década dende un acordo unánime que instou á Xunta a por en marcha un servizo de Asistencia Persoal en Galiza como apoio para a vida independente das persoas con diversidade funcional que precisan axuda para as tarefas cotiás.

A Vida Independente basease no valor de toda persoa, con dereito a decidir sobre a súa vida e á plena participación social, independentemente das súas condicións. Falamos de dereitos humanos; de que non se pode permitir que o corpo e a diferenza sirvan de xustificación para a desigualdade e para a limitación dos dereitos básicos, como e o exercicio pleno da cidadanía

.

Hai uns meses, membros de VIGALICIA reuníronse con representantes dos partidos políticos presentes no Parlamento, con obxectivo de impulsar o cumprimento íntegro da Proposición Non de Lei que hai 10 anos propiciou a existencia do servizo de Asistencia Persoal na nosa comunidade. Os representantes políticos puideron coñecer de primeira man o desenvolvemento parcial, limitado e titubeante dun recurso de vangarda social para persoas con diversidade funcional que a insuficiencia de miras debilitou e converteu en pouco menos que testemuñal.

As distintas formacións políticas foron receptivas a unha revisión do modelo de Asistencia Persoal adoptado pola Xunta de Galicia desde 2007, convindo en cuestións como a progresividade de dispor dunha dotación suficiente de horas de asistencia semanal, que supere as 30 horas actuais que escasamente serven ás necesidades básicas, a idoneidade de consolidalo como un servizo público para un modelo de vida independente autoxestionado e digno para as persoas con diversidade funcional.

A aprobación da proposta presentada por En Marea o pasado 20 de febreiro e apoiada por unaminidade de todos os grupos da cámara: PP, BNG e PSdeG, insta á Xunta de Galicia a revitalizar cun golpe de temón este recurso social varado durante 10 anos e que se perfila como imprescindible no futuro inmediato como alternativa á institucionalización das persoas, no marco dunha poboación envellecida, e en aras da maior rendibilidade dos recursos sociais.