Anxela López dirante a súa intervención

Vivimos, Sentimos e Gozamos

O pasado venres, Anxela López Leiceaga, presidenta de Vigalicia, estivo en Ferrol impartindo un taller sobre sexualidade e diversidade funcional organizado pola asociación Grupo Diversidade Funcional Ferrol e Comarcas. Este taller levou como título “Vivimos, Sentimos e Gozamos”. Título que quere tratar o tema de xeito universal, considerando o acceso ao pracer como impulsor do empoderamento das persoas, rexeitando unha vez máis a visión médico rehabilitadora, onde a sexualidade das persoas con diversidade funcional está sometida ao control de profesionais en detrimento da persoa.

Lembrou en primeiro lugar, que a sexualidade das persoas con diversidade funcional é un dereito humano recoñecido na Convención da ONU acerca dos Dereitos das Persoas con Diversidade Funcional.

A continuación expuxo diferentes apoios existentes para o acceso á sexualidade, como o proxecto de investigación Sex Assistant, ou Tandem Team, que ofrece un servizo de acompañamento erótico-sexual a quen demande unha relación sexual. Relacionado con estes apoios, proxectouse o testemuño de Dyon, asistente sexual, e Xesús, usuario deste servizo.

Noutra liña, afondou no proxecto “Tus Manos Mis Manos” (asistenciasexual.org), que vén reivindicar o dereito á Asistencia Sexual como ferramenta imprescindible para acceder ao propio corpo. Nun vídeo Antonio Centeno explicou o citado proxecto, complementado co testemuño de Teo Valls, asistente sexual.

Fixo tamén referencia a outros proxectos: coma o documental “Yes, We Fuck!“, que serviu para establecer alianzas con outros colectivos non normativos, e tamén discriminados, que dedican a visualizar prácticas sexuais non normativas e “Vivir y Otras Ficciones“, película sobre a necesidade da asistencia sexual premiada en diversos festivais e definida polo seu propio director, Jo Sol coma “cinema urxente”.

Por último, destacou a lamentable falta da visibilidade da sexualidade das persoas con diversidade funcional nos diversos medios de comunicación, incidindo unha vez máis na responsabilidade das institucións á hora de apoiar este tipo de proxectos emancipadores.
Anxela López xunto a algúns participantes na charla