Anxela López acompañada do alumnado do CIFP A Xunqueira

16 anos de Dependencia institucional e de exclusión social

Este mércores 2 de Novembro o CIFP a Xunqueira convidou a VIGalicia a dar unha charla aos alumnos do ciclo superior de integración social, co fin de aclarar conceptos sobre a vida independente e Asistencia Persoal e resolver as dúbidas sobre a aplicación da Lei de Dependencia.

Anxela López centrou a súa intervención no ano 2006, un ano de grandes acontecementos históricos na defensa dos dereitos humanos das persoas con diversidade funcional:

  1. Nacemento das primeiras oficinas de Vida Independente, especialmente de VIGalicia, responsables da existencia da Asistencia Persoal na LEPA.
  2. Encerro no INSERSO, 12 e 13 de setembro, previa aprobación da LEPA, co fin de que non se perpetuase a dependencia e servise para erradicar a institucionalización forzosa.
  3. Aprobación na ONU DA CONVENCIÓN SOBRE OS DEREITOS DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE o 13 de Decembro, recoñecendo o dereito a unha Vida Independente (de obrigado cumprimento dende Maio do 2008).

Lamentou que 16 anos despois do encerro no INSERSO sigamos reivindicando as mesmas demandas de independencia e non se teña en conta a proposta de Lei de Vida Independente do 2018, texto normativo, que cumpriría co disposto no art. 19 da convención da ONU, e a observación nº 5 do ano 2017, o manual de instrucións para a implantar un sistema de Asistencia persoal digno e universal, para garantir unha vida independente.

Como proba do que se solicitaba, neses momentos, visualizouse o vídeo do encerro do FVID “Nada para nosotros”.

Xa para rematar, Anxela destacou a importancia da influencia dos medios de comunicación no cambio de paradigma do modelo médico ao de dereitos humanos; de abandonar esa mirada infantilizadora e caritativa cara as persoas con diversidade funcional que nos condena a vivir institucionalizados de por vida.

Puxo un exemplo dunha nova recente como exemplo da mala influencia dos medios para a sociedade en xeral e as políticas públicas en particular, posto que continúa fomentando a dependencia cando destaca no titular: Teño 84 anos e o meu home 90 e coidamos da nosa filla de 50, que é a nosa bebé.

E outra de boa influencia, cando destaca no titular a reivindicación de Anxela: Anxela López: «Quero decidir a hora á que me levanto ou a onde vou sen depender de favores».

Dende VIGalicia queremos agradecer tanto á docencia como ao alumnado a empatía e o espírito crítico amosados nos seus comentarios e nas preguntas xurdidas, que indica claramente a aceptación da Diversidade Funcional como parte da diversidade humana, e confiamos en que isto supoña nun futuro a consecución dunha vida digna para todas.