Judith Heumann

Rolda de Prensa de Judith Heumann en Santiago de Compostela

Ás 10:30 horas a Directora da Fundación Iniciativas 21, Mercedes Rosón, presentou a unha das fundadoras do movemento de Vida Independente, Judith Heumann ás que definiu como unha persoa importantísima no ámbito da De-pendencia.

Heummann iniciou a súa alocución facendo unha pequena referencia histórica sobre o nacemento do Movemento de Vida Independente nos anos 70 do século XX. Destacou tamén a recente aprobación da Convención polos Dereitos das Persoas Con Diversidade Funcional por parte da ONU (convención que foi asinada por 32 países, entre eles España) e aclarou que no vindeiro mes de Novembro terá lugar unha reunión de todos os gobernos dos países asinantes de dita convención para comezar a traballar na implantación da mesma.

En opinión de Judith Heumann, a situación das persoas con diversidade funcional pasou de ser unha cuestión a abordar dende un enfoque médico (o antigo modelo médico-rehabilitador) ou de suxeitos destinatarios de caridade a ver a estas persoas como cidadáns con dereito á igualdade de oportunidades (ideario de Vida Independente). Este cambio de enfoque trae consigo un conflicto de intereses xa que non todo o mundo ve ás persoas con diversidade funcional como suxeitos capaces da toma de decisións. Para Heuman o obxectivo é acadar que: as persoas con diversidade funcional teñan unha igualdade de dereitos efectiva e que non sexan as persoas sen diversidade funcional as que decidan por nós.

A fundadora do movemento de Vida Independente repasou as distintas situacións que ás persoas con diversidade funcional teñen que afrontar segundo a rexión do planeta na que habiten. Así, namentres en Estados Unidos e Europa calquera rapaz con diversidade funcional está integrado no sistema escolar, isto non sucede en África, Asia ou moitos países da América Latina e, para Heumann, a educación é un ámbito fundamental á hora de acadar a integración das persoas con diversidade funcional (ámbito que xa se acada, ao menos, no mundo occidental).

Pola contra, outro dos ámbitos fundamentais de integración social como é o emprego segue a ser de difícil acceso ás persoas con diversidade funcional. Así en EEUU preto do 70% das persoas con diversidade funcional non teñen emprego a pesares de ter acceso á educación. Este é un dos baremos que nos fala claramente da non existencia de iogualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade. Namentres estas non teñan acceso ao emprego, seguirá habendo desigualdades económicas e, polo tanto, seguirase xerando discriminación.

Esta intervención deu paso ás preguntas dos xornalistas alí reunidos:

Dende a súa posición de líder do movemento de vida independente e tendo en conta a convención da ONU polos dereitos das persoas con diversidade funcional, cales cree que deben ser os pasos que debe dar o goberno galego en referencia ás persoas con diversidade funcional?

Habería que estudiar a fondo tanto a citada convención como a propia lexislación galega para saber si se adaptan a unha á outra ou se, pola contra, esta necesita reforzarse ou crear algunha lexislación a maiores. O que hai que procurar é a igualdade en todos os termos: sanidade, educación, emprego, transportes, tecnoloxía,… Á marxe da lexislación propiamente dita, habería que comezar por proporcionarlle ás persoas con diversidade funcional e ás súas familias a educación necesaria para que sexan conscientes dos dereitos que teñen así como a toda a sociedade en xeral para que dea conta dos cambios que se están a producir neste sentido e que se plasman na convención da ONU.

Tamén se deben poñer todos os recursos lexislativos ao servizo da erradicación das situacións de discriminación. Na miña opinión debería existir unha especie de buzón de queixas no que se puxese de manifesto toda discriminación e que a lei actuase en consecuencia.

Levo moi pouco tempo en Galicia pero si se aprecia unha mellora na accesibilidade (maior número de rampas, máis baños adaptados,…). De todas maneiras o que hai que destacar é que as persoas con diversidade funcional e o resto da sociedade non deben ver a súa situación como unha traxedia senón que deben buscar un deseño universal, sobre todo polo que se refire á construcción de estructuras, xa que isto redundará en beneficio de toda a sociedade.

Tamén hai que ter en conta que a poboación vai envellecendo e a todo o mundo lle gusta vivir onde quere vivir (o chamado Living Place) segundo a súa propia decisión e non estar abocado ao ingreso nunha institución polo feito de que a sociedade non tivera previsto as adaptacións necesarias nos fogares. Unido a isto tamén se deben por en funcionamento determinados servizos de asistencia persoal pero nos que a decisión sobre quen e como se bebe proporcionar dita asistencia debe recaer no usuario do propio servizo e non vir determinada por unha imposición da sociedade.

Cal é o orzamento que se destina en EEUU para a discapacidade?

Non é posible falar dunha cifra concreta xa que en Estados Unidos existe unha división administrativa onde hai un orzamento federal, os orzamentos de cada estado e os orzamentos municipais. Estes orzamentos divídense en múltiples apartados: educación, transporte, atención sanitaria, vivenda,… De todos os xeitos podemos estar falando de centos de millóns de dólares. A pregunta de verdade é saber se este diñeiro se está a gastar de maneira adecuada.

Outro dos enfoques que se lle pode dar a esta pregunta é o de saber se o diñeiro destinado ás persoas con diversidade funcional supón un custo adicional para a sociedade, non creo que ese sexa o enfoque: nos EEUU nos 70 houbo un grande debate sobre si se deberían adaptar os autobuses para as persoas con diversidade funcional. Moita xente cría que isto encarecería moito os custos e se deixaría de utilizar o transporte público. Ao final veuse que este custo era igual que instalarlles aire acondicionado e, dende aquela, todos os autobuses se fabrican coas adaptacións necesarias. Temas como este acaban sempre por redundar en beneficio de toda a sociedade.

No tema da educación si é posible que se xere algún custo adicional xa que determinadas diversidades requiren apoios para recibir educación. De todos os xeitos a investigación ben a demostrar que os profesores especializados en persoas con diversidade funcional tamén poden axudar a rapaces conflictivos, ou con problemas nas súas casas que, de outro xeito, non darían rematado a súa escolarización. Esto demostra que os custos que de entrada parecen engadidos acaban por ser un beneficio para toda a sociedade.

Analizando máis polo miúdo o tema dos custos si nos fixamos no que custa construír unha residencia e se investiran todos eses millóns de euros en adaptar as vivendas das persoas para que puideran vivir dentro das súas comunidades e non ter que estar encerradas nunha institución.

En EEUU están a investir centos de millóns de dólares na construcción de centros de vida independente. Organizacións baseadas na comunidade e que están dirixidas por persoas con diversidade funcional que teñen a misión de promover unha serie de políticas que redunden en beneficio da propia comunidade como son o acceso a servizos, promover cambios na lexislación, axudar ás persoas con diversidade funcional na busca de emprego,… Aquí si vemos que o diñeiro se está a gastar ben.

Na súa opinión, porque os gobernos insisten na institucionalización á que acaba de facer referencia no canto de promover a vida independente das persoas con diversidade funcional?

Quizais a resposta estea en que, en moitos casos, a voz das persoas con diversidade funcional non é o suficientemente forte para que a comunidade se decate e o incorpore como parte da súa axenda. Por suposto tamén se debe a que a xente non está acostumada a que se faciliten os servizos que as persoas con diversidade funcional precisan doutro xeito que non sexa a institucionalización, polo tanto, o que hai e que crear uns servizos que merezan a confianza tanto das persoas con diversidade funcional como de aquelas que non a teñen para que a sociedade asuma que estes servizos poden ser igual de bos ou incluso mellores que dentro dunha institución.

Tamén está o tema das persoas que traballan nesas institución que poden ter medo de perder o seu posto de traballo xa que a costume de traballar en institucións fai que ao mellor non estean preparados para o préstamo destes servizos en comunidade. É un tema de evolución, a xente ten que comezara pensar que estes servizos serán beneficiosos para a propia persoa e para a toda a comunidade.

Isto ten que ver con poder vivir onde se queira vivir e non encerrados nunha situación artificial e apartados da comunidade. A pregunta que acostumamos a facer é si cando vos fagades vellos queredes estar na vosa casa ou que vos encerren nunha residencia. A resposta é que todos queren vivir na súa casa.

Para isto e necesario un cambio de mentalidade e son os encargados de aspectos como o urbanismo os que teñen que por os medios para que cada cal poida vivir onde queira.

Cal é o futuro da Vida Independente en Europa?

En Europa estanse a producir unha serie de cambios, o importante será a velocidade á que poden cambiar. As leis xa están acadar que as construccións sexan accesibles pero o que realmente precisamos é un cambio na mentalidade da xente.

A xente cree que a mellor maneira de axudar ás persoas con diversidade funcional e a institucionalización per. Ao mellor, estas persoas non queren estar nunha residencia a cuestión é que haxa máis debate, que haxa máis visibilidade e que se lle dea máis voz ás persoas con diversidade funcional para que se cumpra coa lexislación vixente co cal a comunidade se beneficiará no seu conxunto. Si fortalecemos a voz das persoas con diversidade funcional chegaremos á igualdade de oportunidades e de dereitos para todos.

O que si é positivo, volvendo ao tema da Convención da ONU, e que España como EEUU e outros países da Unión Europea que están implicados en proxectos de axuda ao desenvolvemento de terceiros países se aseguren de que este diñeiro se está a gastar de acordo ao ideario de vida independente. Nos Estados Unidos e en Europa asegúranse de que todo o diñeiro destinado á construcción de escolas se invista en crear espazos accesibles. Deste xeito estes cambios empézanse a ver non só en USA e Europa senón en todo o mundo.

Por último recordar que si todas as persoas con diversidade funcional temos unha voz forte e homoxénea poderemos acadar a igualdade de oportunidades para todos.