Turismo para todos
Son moitos os galegos que este ano renunciaron ás vacacións de verán por mor da crise, pero son moitos máis os que pensan que organizar unhas vacacións pode chegar a ser unha crise en si mesma. Se a idea de elixir destino, buscar aloxamento, transporte, preparar maletas, planificar rutas e facer contas é suficiente para estresar a maioría, que vacacións quedan cando as opcións e facilidades caen mentres que os prezos se disparan?
Parece unha fraude, pero é a realidade á que se enfrontan en Galicia e España as persoas con algún tipo de diversidade funcional que se queren relaxar uns días lonxe da casa. Xa se dan trabas para chegar dende alí ao destino elixido e, contra o que se poida pensar, que este estea preto non facilita nada, máis ben o contrario. Segundo a experiencia de Antón Nóvoa, representante do colectivo Foro de vida independiente en Galicia, o avión é o medio no que se dan menos problemas, tanto nas liñas dentro da península como coas estranxeiras. Asegura ademáis que de
solicitar asistencia coa debida anticipación adóitase dispoñer dela.
Ben distinta é a situación dos trens, que cualifica de absoluto desastre. Neste momento aínda non se pode viaxar en cadeira de rodas; non hai prazas nin plataformas accesibles, nin aseos nos trens
. Máis do mesmo á hora de falar do transporte urbano: o autobús non é unha opción que considerar na maioría dos casos e o número de eurotaxis (taxis adaptados para o transporte de persoas discapacitadas) é moi reducido. Cidades como A Coruña só dispoñen dun par e noutras como Santiago ten que vir desde Ordes. Antón baséase en todo iso ao afirmar que para desprazarse en vacacións se non tes os teus propios medios ou quen te transporte non o tes doado
.
No momento de atopar un sitio para hospedarse xorden principalmente dous problemas básicos: a variedade e a accesibilidade. Antón fala por exeperiencia propia ao dicir que se pretendes organizar un congreso ou calquera cousa para máis de dúas persoas non tes case onde ir
e engade que os poucos sitios coas medidas de accesibilidade necesarias son hoteis de catro e cinco estrelas, é a única opción. Moitos hoteis non ofertan ningunha habitación adaptada a necesidades especiais e mesmo de facelo descoidan as medidas que garanten a igualdade de oportunidades para acceder ás demais instalacións
.
Rómpese así unha cadea que é inútil en canto falla unha peza, exemplo que é tan válido para o aloxamento como para as praias: hai moitas que teñen a bandeira azul pero na práctica as ramplas non cumpren ou a chave das duchas non está ao alcance ¿De que me serve a mellor praza de aparcamento se logo non teño forma de acceder á pasarela da praia?
En xeral a accesibilidade é a barreira a salvar en calquera lugar que se queira visitar durante aviaxe, xa sexa un museo, unha cafetería ou unha igrexa. Coas igrexas ou edificios antigos hai un gran tabú
, comenta Nóvoa, hai quen pensa que non se poden tocar. Como non? Ninguén pide que coloquen un ascensor na porta do Obradoiro, pero ten que haber algunha medida alternativa para acceder ao interior da catedral
.
Dende o propio colectivo de persoas con diversidade funcional denúnciase que aínda non exista unha certificación de accesibilidade universal, medida que reclaman porque sen ela non se pode dar nada por sentado en canto ás instalacións”.
É por iso que as mellores fontes para preparar uns días de vacacións (con todo o que implica) atópanas en portais virtuais como www.minusval2000.com, no que se ofrece información detallada de transporte, aloxamento e praias (entre outros servizos) dentro da península para que saiban o que realmente lles agarda antes de presentarse alí. A diferenza doutros sitios de viaxes na rede este é fiable por basearse nas colaboracións de discapacitados que visitaron e comprobaron os lugares que recomendan.
Pero mesmo solucionando ese problema queda outro máis difícil de eludir: o incremento dos custes. Se o contorno non está adaptado para todos aquelas persoas con necesidades específicas terán que recorrer a servizos especiais que, sobra dicilo, serán máis caros que os universais. Un modo posible de alixeirar o gasto sería organizar unha viaxe colectiva, pero tal e como remarca Antón cando viaxas cunha parella, por exemplo, é porque queres estar con esa persoa, non cun grupo. Que unha persoa teña que ir en viaxes colectivas por mor da súa discapacidade é unha discriminación en si mesma, como se dis que os negros, as mulleres, os homosexuais ou calquera outro colectivo minoritario ten que viaxar en grupo polo feito de ser o que son
. Fálase moito da Galicia turística e do turismo para todos, pero se de verdade é para todos hai que ser consciente de que hai un sector de persoas que cando viaxan precisan de determinadas medidas técnicas, sen que esa diferenza afecte as súas vacacións, concepto que perde parte do seu sentido por culpa dos impedimentos impostos polo entorno.
A xente con discapacidade pide o mesmo deses días que calquera outra persoa da súa idade e condición social. Aínda que non pareza moito pero, como conclúe Antón, ese é o problema: que non podemos ir onde queremos e como queremos como os demais
.
AUTOR: E. Losada E. L. – FONTE: Galicia-Hoxe.com