Xornada acerca da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade en Vigo

O vindeiro 27 de maio a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente, VIgalicia, organizará en Vigo unha Xornada sobre a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con discapacidade.

A sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza en Vigo (Policarpo Sanz, 31) será o lugar escollido para levar a cabo esta iniciativa.

A citada xornada contará coa presenza de destacados conferenciantes dende o eido académico como poden ser as Profesoras de Dereito da Universidade da Coruña, Adela Rey e Marta Núñez.

Do mesmo xeito tamén acudirán algúns dos máis importantes expertos do Movemento de Vida Independente a nivel nacional como son Antonio Centeno e José Antonio Nóvoa.

Ademáis este evento servirá para que persoas relacionadas coa diversidade funcional de maneira directa nos relaten en primeira persoa os seus “Testemuños dende a Experiencia”.

Así a membro do Foro de Vida Independente e de VIgalicia, Marita Iglesias, e Elena Piñeiro de Hoy por Mañana abrirán estes testemuños. Os seguintes en tomar a palabra serán María Cruz da Silva, Mónica Sumay e Cecilio García que tratarán sobre as súas vivencias como pais de nenos con diversidade funcional.

Estas xornadas forman parte dunha campaña de difusión da Convención iniciada o pasado mes de xaneiro en Santiago de Compostela e que tiveron a súa continuidade os días 2 e 3 de a abril en A Coruña.

Ao longo desta campaña expuxéronse algúns aspectos fundamentais deste tratado de dereito internacional como é o feito de que as persoas con diversidade funcional son suxeitos de dereito e non obxectos de políticas caritativas e que, polo tanto deben ter os mesmos dereitos, opcións e control sobre as súas vidas que os demais cidadáns.
A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con discapacidade aprobouse o 13 de decembro de 2006 pola Asemblea xeral das Nacións Unidas. Esta Convención é o resultado dun longo proceso, no que participaron varios actores e entre os que tiveron un papel destacado as organizacións de persoas con diversidade funcional e as súas familias.

Este novo instrumento supón importantes consecuencias para as persoas con diversidade funcional. Unha das principais será a “visibilidade” deste grupo cidadán dentro do sistema de protección dos dereitos humanos de Nacións Unidas, a asunción do fenómeno da diversidade funcional como unha cuestión de dereitos humanos, e poder contar cunha ferramenta xurídica vinculante á hora de facer valer os dereitos destas persoas.

O Estado español, asinou e ratificou a Convención da ONU e o seu Protocolo Facultativo, que abre unha nova vía de reclamación dos dereitos, entrando en vigor no noso país dende o pasado día 3 de maio de 2008. A partir desa data, a Convención pasa a formar parte do ordenamento xurídico español e é invocable ante as autoridades políticas, xudiciais e administrativas.

Por todo isto, invitámolos a acudir a esta Xornada sobre a Convención das Nacións Unidas acerca dos Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Organiza: Vigalicia.

Colaboran: Fundación Barrié, Foro de Vida Independiente, DerechosHumanosYa.org.

Entidades organizadoras e colaboradoras

Traducir

Síguenos

  • Logotipo da Federación de Vida Independente, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo do Foro de Vida Independiente y Divertad, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo da Asociación SOLCOM, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]
  • Logotipo de Derechos Humanos Ya, clic para acceder á web [Abrirá unha nova ventá]