Xornadas acerca da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade na Coruña
O Salón de Grao da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acolleu os pasados 2 e 3 de abril as Xornadas acerca da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade que organizou a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente, VIgalicia, xunto co Foro de Vida Independiente.
Na celebración deste evento foi determinante a colaboración do Decanato da Facultade de Dereito da UDC, así como do Centro de Formación Tomás Barros que prestou de xeito gratuíto o servizo de intérpretes en lingua de signos (ILS) para que todas as persoas presentes puidesen comprender o contido das xornadas.
Na mañá do día 2, a xornada inaugurouse coa intervención do Presidente de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independiente, José Antonio Nóvoa. Este activista dos dereitos humanos destacou que: “a Convención non trae dereitos novos, simplemente pon sobre a mesa que todas as persoas temos dereitos humanos e hai que facelos posibles. Este tratado internacional busca dar visibilidade aos dereitos de miles de persoas. Debemos deixar de ser un colectivo que espera beneficencia para pasar a ser unha minoría social que reclama dereitos”
.
En palabras do Presidente de VIgalicia: existen costumes que se converten en leis, pero esperamos que a Convención sexa unha lei que crea novas costumes. Hai que desterrar o minusvalidismo, ou sexa, as actitudes que restan poder ás persoas con diversidade funcional converténdoas en obxectos, creando cidadanía real para todos
.
A seguinte en intervir foi a Profesora de Dereito internacional Público da UDC, Adela Rey que falou sobre: A Convención da ONU.
O primeiro punto que destacou a Profesora Rey foi o feito que que: en leis anteriores as persoas con diversidade funcional eran vistas como un problema que resolver, pola contra, na Convención estas persoas son tratadas como suxeitos de pleno dereito e isto é un paso fundamental
. Segundo Adela Rey: a Convención non crea dereitos humanos novos pero si consolida dereitos humanos xa existentes. Cúmprese coa Convención o lema do Foro de Vida Independiente; NADA PARA NÓS SIN NÓS
.
Tras Adela Rey tomou a palabra José Antonio Seoane, Profesor de Filosofía do Dereito da UDC quen falou sobre: A Convención e o Dereito español.
O profesor Seoane fixo un repaso das leis promulgadas en España dirixidas ás persoas con diversidade funcional: a LISMI buscaba a protección do minusválido, a LIONDAU tiña por obxecto garantir a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, na LEPA o obxectivo é, na teoría, a autonomía persoal e coa Convención o que se busca é o recoñecemento social das persoas con diversidade funcional
.
Seoane destacou que: é fundamental entrar no sistema de dereitos xa que este atende ao sustantivo, ás persoas
.
Como remate á súa a alocución, o profesor declarou que: é triste que en pleno 2006 se tivese que asinar unha convención para garantir os dereitos das persoas con discapacidade, iso di moi pouco da nosa sociedade
.
Na tarde do día 2, a xornada comezou cos Testemuños dende a experiencia de Esther Cuadrado e Manuel Garcia, pais de nenos con diagnóstico do trastorno Autista que foron presentados polo membro do Foro de Vida Independiente e de VIgalicia, Juan José Maraña.
Esther Cuadrado falou do caso do seu fillo Arturo e avogou por un maior acceso a sistemas aumentativos de comunicación xa que: sen comunicación é imposible ter acceso a unha educación de calidade para a cal tamén é fundamental que dispoñan dunha serie de apoios nas aulas
. Esther quixo facer mención a unhas xornadas celebradas recentemente na Facultade de Ciencias da Educación da UDC na que se: utilizou como sinónimo de autismo o retraso mental e donde se utilizaron enfoques máis propios de épocas pasadas
.
Pola súa banda, Manolo García falou do seu fillo David e inclinouse polos centros ordinarios de educación en lugar dos específicos xa que: “a sociedade non é específica”
.
A seguinte intervención correu a cargo dos membros de VIgalicia e do Foro de Vida Independiente, Anxela López e Kiko Fernández que fixeron un repaso ao modelo de vida independente, contrapoñendo ao modelo médico-rehabilitador, e á figura do asistente persoal.
Unha das principais diferenzas é o feito de que namentres o modelo médico- rehabilitador busca curar á persoa con diversidade funcional, o modelo de vida independente busca a súa calidade de vida.
O día 2 rematou coa intervención de Adolfo López e Anabel Castiñeira membros de VIgalicia e do Foro de Vida Independiente que relataron as súas experiencias vitais entorno a súa diversidade funcional.
Para Adolfo López: dende que tiven o accidente case perdo unha filla para convertela na miña asistente persoal, por iso a chegada do proxecto piloto permitiume gañar autonomía e recuperar á miña filla
.
Pola súa banda Anabel castiñeira explicou o seu periplo dende un centro residencial no que estivo internada durante 20 anos ata a vida independente que ten hoxe en día e fixo un chamamento a todos os pais de persoas con diversidade funcional: para que teñan máis valor do que tiveron os meus pais ao optar polo internamento
.
Na mañá do día 3 abriron a Xornada Ricardo Ron, Profesor de Dereito do Traballo e a Seguridade Social da UDC, e Marta Núñez, membro do grupo Dereito-Atención á diversidade da UDC. O profesor Ron destacou que, en materia laboral, a Convención non leva á normativa española moito máis alá, pero hai que levar o papel á realidade
.
Pola súa banda, Marta Núñez apuntou que: a nivel educativo a lei española, ben interpretada, está ao nivel de Convención, pero este tratado poder axudar a que estas leis se fagan efectivas
.
A seguinte intervención correu a cargo de Josefina Iglesias e José Enrique Corredoira que a través de Testemuños dende a experiencia contaron a súa situación coa Lei de Autonomía Persoal (LEPA).
Corredoira é un avogado coruñés que presentou ante a Xunta un Recurso Contencioso Administrativo pola mala aplicación da LEPA no caso da súa filla con diversidade funcional. Para José Enrique: detrás de todo isto hai un problema de diñeiro, xa que as administracións buscan un rédito político en todas as súas accións e as persoas con diversidade funcional, non semellamos rendibles
.
Pola súa banda, Josefina Iglesias, nai e avoa de tres persoas con diversidade funcional en situación de dependencia, explicou o abandono ao que se ve abocada por parte das administracións e reclamou maior presión por parte de toda a sociedade para facer cumprir as leis.
As xornadas pecháronse coa intervención de Alejandro Rodríguez Picavea, membro do Foro de Vida Independiente. Picavea falou do novo modelo da diversidade: un modelo que prima a dignidade das persoas sobre a súa capacidade e a diversidade sobre a normalidade
. Así mesmo destacou que: o modelo que vida independente chegou tarde a España porque as persoas con Diversidade nos pensábamos cidadáns de segunda
.
Alejandro sinalou a importancia da entrada en vigor da Convención e recalcou que: no seu artigo 19 está a clave da igualdade de oportunidades
.
Con esta intervención remataron estas xornadas que esperamos que teñan continuidade noutros puntos de Galicia.