VIGalicia trasládalles as súas propostas ás forzas políticas galegas
O martes 6 de setembro a sede da Fundación Euxenio Granel de Santiago de Compostela acolleu unha mesa redonda de carácter informativo. Na mesma, os representantes de VIGalicia (Vida Independente Galicia) Anxela López, Juan José Maraña, Kiko Fernández Mujico e José Antonio Novoa lles trasladaron aos representantes das distintas forzas políticas que concorrerán ás vindeiras eleccións autonómicas galegas, Adrián Bravo (BNG), Eva Solla (EN MAREA), Marta Rodríguez (PP) e Patricia Vilán (PSdG-PSOE), as súas propostas para dar visibilidade política á situación das persoas con diversidade funcional no noso país.
A idea fundamental que VIGalicia puxo sobre a mesa foi a da a súa proposta sobre Asistencial Persoal para a Vida Independente das persoas con diversidade funcional en Galicia.
Con anterioridade, esta mesma iniciativa foi apoiada polo Parlamento de Galicia mediante unha Proposición Non de Lei aprobada o 14 de febreiro de 2007. Aquel proxecto foi xestionado de forma incongruente cos fundamentos do mesmo vulnerando así o obxectivo previsto polo artigo 19 da Convención da ONU dos dereitos das persoas con diversidade funcional.
A propósito do fracaso deste proxecto, José Antonio Novoa, declarou: o sistema púxose en mans de persoas que non creen na vida independente. Déronselles os recursos á industria da discapacidade que, na busca do seu beneficio propio, non deixa existir outras opcións. Ter unha vida independente é unha delas
.
Agora VIGalicia demanda un Sistema Galego de Asistencia Persoal que poida encadrarse dentro do paradigma de Vida Independente que reuniría, entre outras, unha serie de características tales como:
- Aumento das horas de asistencia para que se axusten ás necesidades reais.
- Contratación directa do asistente persoal por parte do usuario.
- Figura laboral do asistente persoal axustado ás necesidades do servizo.
- Eliminación do copagamento.
- Potenciación da autoxestión para optimizar recursos.
- Apoio entre iguais e adestramento para a autoxestión a través de Oficinas de Vida Independente.
Todos os asistentes mostraron o seu acordo e ánimo de traballar para por en marcha este Sistema Galego de Asistencia Persoal dende a administración pública.
AUTOR: Carlos Pampillón