Vigalicia reúnese coa conselleira de Benestar para debater sobre as propostas do novo decreto
A directiva de Vigalicia reuniuse coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para presentar a súa desconformidade co recén aprobado decreto do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito a prestación do sistema para a autonomía e atención a dependencia.
Dende a perspectiva de Vigalicia o decreto é o marco normativo sobre o que se vai a desenvolver o sistema de autonomía persoal de Galicia, pero non sirve para construir as ferramentas sociais que a Convención da ONU de 2006 recolle, e pode afectar aos dereitos fundamentales que a Constitución Española outorga. De igual xeito, a asociación indicou que o texto fundaméntase nuns principios asistencialistas, lonxe de promover a filosofía de vida independente e fomenta a desigualdade.
A escaseza da contía establecida neste decreto para asistencia persoal e as negativas implicacións do copago sobre as persoas que teñen acceso ao emprego foron outra das críticas que Vigalicia achegou á conselleira de Traballo durante a reunión, na que tamén estaba presente a Directora Xeral da Dependencia, Coro Piñeiro.
Así mesmo, durante o encontro abordouse o modelo de asistencia persoal proposto no decreto, que a directiva de Vigalicia calificou de erróneo, advertindo de que de seguir adiante este sistema podería sentar un precedente legal equívoco para outras comunidades.
Pola súa banda, Beatriz Mato solicitou a Vigalicia información sobre os sistemas de asistencia persoal doutras experiencias exitosas e recoñeceu o valor da asistencia persoal como unha ferramenta útil para todos e comprometeuse a traballar na busca dunha mellora do modelo existente así como a investigar novas posibilidades de avance desta ferramenta xunto coa Consellería de Facenda.