VIGALICIA reproba a vueling pola vulneración dos dereitos dunha persoa con diversidade funcional
O pasado 3 de setembro, Anxela López, unha compostelá con diversidade funcional, membro de VIgalicia, colleu un voo a Amsterdam para dar comezo ás súas vacacións estivais na compaña do seu asistente persoal. Neste voo de ida a compañía Vueling non puxo ningún impedimento para que esta pasaxeira viaxase na súa cadeira de rodas motorizada.
Tras pasar uns días na capital holandesa, Anxela dispúxose a coller o voo de volta que a debería de trasladar a Santiago. A súa sorpresa foi maiúscula cando dende Vueling lle dixeron que: “non pode viaxar na súa cadeira por exceso de peso”, motivo polo que lle denegaron o embarque, cambiandolle o voo para o día seguinte as 10,00 horas.
Ante esta situación decidiron facer noite na terminal do aeroporto para voar a mañá seguinte nun voo da mesma compañía que xa non era directo a Santiago, sinón que facía escala en Barcelona, (co prexuízo para o benestar de Anxela que isto supón).
Ao día seguinte, nun principio, deron o seu consentimento para que Anxela realizase a viaxe de volta Amsterdam-Barcelona-Santiago, pero cando se dispuñan a embarcar topáronse cunha nova negativa, esta vez a nova pega foi que a cadeira tiña que ir desmontada.
Tras pasar outra noite a maiores en Amsterdam, desta volta nun hotel que tivo que costearse a propia afectada, colleron billete a súa conta para un voo da compañia Transavia – Amsterdam-Barcelona – que non lles puxo ningunha pega para o transporte da silla de rodas motorizada, pero como non tiña enlace con Santiago, vironse obrigados a realizar a viaxe Barcelona-Santiago en tren.
VIGALICIA observa estes feitos como un claro e inexcusable atropelo. Supón a vulneración dos dereitos fundamentais de Anxela e unha discriminación en base á súa diversidade funcional. Esta actuación contravén claramente o artigo 9 da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional. Dito artigo deixa claro que : “a fin de que as persoas con diversidade funcional poidan vivir en forma independente e participar plenamente en todos os aspectos da vida, os Estados Partes adoptarán as medidas pertinentes para asegurar acceso destas persoas, en igualdade de condicións, ao entorno físico, o transporte, a información e as comunicacións, incluídos os sistemas e as tecnoloxías da información”.