VIgalicia recomenda aos concellos galegos a inversión en accesibilidade
O pasado 28 de novembro aprobouse o REAL DECRETO-LEI 9/2008 que ten por obxecto a dotación de dous fondos extraordinarios: un destinado a promover a realización por parte dos Concellos de inversións creadoras de emprego e outro coa finalidade de levar a cabo actuacións encamiñadas a mellorar a situación de determinados sectores económicos estratéxicos e acometer proxectos con alto impacto na creación de emprego. Poden beneficiarse desta partida orzamentaria Concellos, Mancomunidades e agrupacións de dous ou máis Concellos.
Partindo desta nova, a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente, VIgalicia, propón aos rexedores municipais que destinen parte destes fondos extraordinarios á accesibilidade, á eliminación de barreiras arquitectónicas e á dotación de medios que posibiliten a igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional.
A accesibilidade universal é unha condición fundamental para poder garantir a participación na comunidade das persoas con diversidade funcional, tal e como expón a Convención da ONU acerca dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, no seu artigo 9:
A fin de que as persoas con discapacidade poidan vivir en forma independente e participar plenamente en todos os aspectos da vida, os Estados Partes adoptarán as medidas pertinentes para asegurar o acceso das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, ao entorno físico, ao transporte, á información e as comunicacións, tanto en zonas urbanas como rurais. Estas medidas, incluirán a identificación e eliminación de obstáculos e barreiras de acceso.
Por esta razón e tendo en conta que un dos destinos dos fondos, previstos no propio Real Decreto-Lei, é a supresión de barreiras arquitectónicas, recomendamos aos concellos galegos que utilicen estes fondos para garantir a mobilidade e a visibilización das persoas con diversidade funcional como cidadáns de pleno dereito, posibilitando que todos os espazos públicos de Galicia carezan de barreiras arquitectónicas e avanzando cara ao cumprimento da Convención que entrou en vigor o pasado mes de maio.