VIgalicia reclama a autoderminación dos galegos en situación de dependencia

Propón un proxecto de Asistencia Persoal que garanta a Vida Independente.

Ante a noticia aparecida en diversos medios de comunicación o pasado 4 de xaneiro na que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) cualifica de “importante paso adiante” os acordos para mellorar as prestacións do servizo de asistencia persoal do Sistema Galego de Benestar, a Asociación Asistencia Persoal para a Vida Independente (VIgalicia) considera saudable matizar dita afirmación.

O Proxecto Piloto de Asistencia Persoal que se levou a cabo en Galicia ata o Pasado mes de Outubro foi un avance pero non garantiu os medios necesarios para poder afrontar unha verdadeira vida independente que é o obxectivo co que os membros de VIgalicia, verdadeiros impulsores de dito proxecto, puxeron en marcha esta iniciativa.

Dende aquela data, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia continuou con este proxecto pero con importantes recortes no numero de horas de asistencia por usuario, pasando de 40 semanais a 30 horas de atención diúrna á semana, co cal o que xa era unha situación precaria se converteu en case desesperada para moitos dos usuarios do servizo. Razón pola cal interpretar un recorte e cualificalo como paso adiante é temerario dende a perspectiva dos que perden 10 horas de asistencia con semellante “avance”.

Na nova antes mencionada, fálase de: un acordo para que dende o último trimestre de 2008, a maioría de usuarios de asistencia persoal dispoñan de 1.300 euros ao mes para distribuír de acordo coas súas necesidades. Esta afirmación denota a incapacidade dos responsables do servizo de asistencia persoal de resolver as necesidades asistenciais destas persoas, tratando o asunto como unha simple cuestión de dadivoso reparto de cartos.

En contraposición a esta visión, pódese comparar co Proxecto de Vida Independente e Promoción da Participación Social da Comunidade de Madrid no que: cada un dos que participan neste proxecto autoxestiona o seu tempo pero conta con apoios. Segundo as túas circunstancias persoais concédenche un número de horas de asistencia, ata un tope de 16 horas ao día, e financiado nun cen por cento como declara Nuria Aparicio, participante nese programa.

As maneiras de enfocar a asistencia persoal son radicalmente distintas: mentres en Galicia nos falan de cartos e se recorta a prestación, na Comunidade de Madrid, por exemplo, fálase de horas para cubrir as necesidades dos usuarios.

Outro aspecto no que VIgalicia quere facer fincapé é na obrigatoriedade de acudir a unha organización privada para que emita o informe que dea cabida aos usuarios neste Proxecto de Asistencia Persoal, no canto de darlle validez a un informe emitido por un funcionario público. Este é o caso de Marita Iglesias, membro de VIgalicia e unha das impulsoras orixinais do proxecto, que se atopa fora do mesmo por negarse a ser valorada por persoal dunha entidade privada cando presentou un informe social municipal. Marita asegura que: eu non quero que unha asociación entre na miña casa e coñeza os meus datos persoais se eu non llos quero dar. En cambio, non podo dicir o mesmo da Administración, do mesmo xeito que é un médico público o que me dá a baixa laboral ou o grao de minusvalía. A vía pública é o meu único amparo.

Dende o 30 de setembro do 2008 Vigalicia ten intentado sen éxito ser recibida polos responsables deste Programa de Asistencia Persoal para tentar mellorar este precario sistema que corre o risco de converterse no futuro Sistema Galego de Asistencia Persoal e que nada ten que ver co modelo baseado no ideario de Vida Independente existente noutros países dende hai mais de 30 anos e que en outras comunidades se está xa a promover.