Vigalicia pide o compromiso do presidente da Xunta para mellorar o decreto galego de asistencia persoal
Correo TV emitiu o pasado 15 de abril o programa especial “Feijoo responde”, no que Vigalicia tivo a oportunidade de interpelar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sobre o seu compromiso de mellorar o recen creado Servizo de Asistencia Persoal galego, e modificar o insuficiente decreto galego de asistencia persoal.
O membro de Vigalicia e do Foro de Vida Independiente, Kiko Fernández, lembrou ao presidente que o decreto galego incumpre a Convención Internacional das Nacións Unidas sobre as persoas con discapacidade e que non garante a inclusión social, tras o que lle preguntou:
“Ten vostede un compromiso de mellorar ese decreto, claramente insuficiente, de xeito que as persoas dependentes podamos levar unha vida inclusiva na sociedade? O seu goberno comprométese a proporcionar os recursos necesarios para levar a cabo isto?”
O presidente da Xunta respondeu que o número de prazas para persoas con diversidade funcional en residencias incrementouse nun 10% durante a actual lexislatura, en un 72% o número das que cobran a Lei de dependencia en Galicia.
Por outra banda, Núñez Feijoo lembrou que o Consello da Xunta vén de aprobar un acordo, mediante o cal, por primeira vez en Galicia, se incentivará o emprego das persoas con diversidade funcional a través de maiores facilidades para as empresas á hora de recibir subvencións financiadas polo Goberno galego.
Así mesmo, segundo explicou Feijoo, dentro dos plans de emprego que se están a negociar cos axentes sociais existe un “plan de emprego para a discapacidade”
, aínda que recoñeceu que estas medidas eran insuficientes e atribuíu a falta dunha maior atención a este sector da sociedade á crise económica actual.
Finalmente, o presidente da Xunta asegurou que estudará a petición feita por Vigalicia e examinará o caso do Servizo de Asistencia Persoal en Galicia.