VIgalicia no CIFP Anxel Casal
O pasado xoves, 8 de Maio, celebrouse, no CIFP Anxel Casal da Coruña, o encontro de VIGalicia coa docencia e o alumnado do ciclo de atención á dependencia para falar do dereito a Vida Independente e a inclusión comunitaria das persoas con diversidade funcional.
En representación da entidade, asistiu Anxela López. Na súa intervención, contou brevemente a discriminación da diversidade humana ao longo historia. Subliñou a importancia do xurdimento do modelo social, nos anos 60, grazas os movementos sociais e academicos en prol dos dereitos humanos, e citou aos lideres do Movemento de Vida Independente: Ed Roberts e Judy Heumann, en EE.UU, Adolf Ratzka en Suecia, Bente Skansgård en Noruega, John Evans en Inglaterra e Manolo Lobato e Javier Romañach en España. Destacando de todos eles o seu empeño e determinación na procura dunha alternativa á institucionalización das persoas, difundindo o ideario de Vida Independente, apoiando e guiando a outras persoas con diversidade funcional, en diferentes territorios e países do mundo, co fin de que se nos proporcionasen os apoios necesarios para poder vivir na comunidade, coa mesma liberdade e igualdade que os nosos irmáns, veciños e amigos.
Engadiu ademais, que todo este activismo que se iniciou nos EEUU xogou un papel fundamental na aprobación, no ano 2006, da Convención da ONU das persoas con discapacidade e na posterior observación nº 5 do ano (2017,) onde se establecen unha serie de directrices para a implantación do dereito humano a unha vida Independente e a inclusión na comunidade.
Remarcou, unha vez máis, a obriga que temos como sociedade, de cumprir co disposto neste tratado internacional e de tratar a diversidade funcional coma unha cuestión de dereitos humanos, superando o enfoque asistencialista e parternalista que aínda hoxe marca o rumbo das nosas vidas.
Fixo referencia tamén, o Anteproxecto de Lei que reforma a lei de dependencia.do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, lembrando a alerta enviada pola Federación de Vida Independente, confiando en que sexa máis ambiciosa.
Cabe destacar a mención especial que tivo para John Evans, falecido en Xaneiro deste ano, un dos pioneiros do movemento de Vida Independente en Inglaterra e cofundador da ENIL. En agradecemento, e homenaxe polo seu apoio e compromiso por unha Vida Independente para todas, visualizouse un vídeo onde relata a súa historia que leva por titulo ” A loita pola liberdade”:
Tras a visualización, Anxela López, resaltou en primeiro lugar, que a experiencia de vivir nunha institución foi o motivo polo que decidiu loitar e dedicar a súa vida a atopar unha alternativa. En segundo lugar, encomiou o grande éxito do movemento en Inglaterra, a inclusión na Lei de pago directo de 1996 das persoas con diversidade intelectual, con VHI e Sida, usuarios de servicios de saúde mental e maiores.
Rematou a intervención, desexando que o seu exemplo, xunto co das demais pioneiras, debería ser máis que suficiente para remover conciencias sociais e políticas e achandar o camiño do paradigma dos dereitos humanos e da Vida Independente.
No debate posterior tratáronse asuntos coma a necesidade da regulación laboral da figura do asistente persoal e afondouse no dereito humano a asistencia sexual.