VIGALICIA leva unha Proposta de Lei aos grupos do Parlamento de Galicia
Membros de VIGALICIA acudiron ao Parlamento de Galicia para reunirse de novo cos distintos grupos parlamentarios.
Cada un dos seus representantes puideron coñecer de primeira man dos usuarios directos do sistema de Asistencia Persoal, o limitado desenvolvemento deste recurso e os titubeos cos que a Xunta de Galicia ven de manexar desde 2007 unha ferramenta de vangarda social. Con insuficiencia de miras e desinterese respecto aos estándares europeos e das observacións do Comité de Nacións Unidas, as debilidades deturpan o modelo substancialmente até convertelo en pouco menos que un recurso testemuñal e insuficiente.
Como ven sendo habitual, nas reunións mantidas durante a semana pasada, tanto o grupo parlamentar popular como o PSdG-PSOE, En Marea, BNG e Grupo Mixto conviñeron de distinta forma pero con igual convencemento na necesidade de mellorar o sistema de Asistencia Persoal como o recurso social inescusable que é para a vida independente das persoas con diversidade funcional.
Máis de 10 anos despois da súa instauración, mediando distintas Proposicións Non de Lei promulgadas polo Parlamento de Galicia -auspiciadas e en boa medida argumentadas por VIGALICIA- e aprobadas por unanimidade a cámara galega de representantes puido reparar en que aquela pretensión non foi tomada en consideración polos gobernos da Xunta de Galicia.
Fronte a un sistema limitador e asistencialista que demostradamente non encaixa no marco de dereitos humanos establecido pola Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, os representantes de VIGALICIA ofreceron aos parlamentarios galegos unha proposta de Lei de Vida Independente de Galicia, que fixeron chegar a semana pasada aos grupos parlamentarios. Un fito de involucración dos actores directos no desenvolvemento das políticas que lles concernen ante a imposibilidade de avanzar coas trabas impostas dentro do modelo de dependencia.
As obrigadas e inequívocas directrices do Comité sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade concretando as políticas nacionais na implementación da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU, e a interpretación do modelo de asistencia persoal que estipula o Comité é o eixo e motor inspirador fundamental desta norma que VIGALICIA ven de propoñer agora aos parlamentarios.
VIGALICIA entende con iso que unha lei con este calado e proxección futura, debe ser impulsada e sostida por todo o Parlamento de Galicia e aceptada pola Xunta de Galicia como o recurso social que é, capaz de resolver eficientemente situacións do escenario social inmediato de Galicia.