VIgalicia apoia a creación da páxina web derechoshumanosya.org
Foi inaugurada a páxina web www.derechoshumanosya.org, concibida como unha ferramenta para instar ás autoridades e ás Administracións Públicas a respectar e facer efectiva a Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade, de obrigado cumprimento en España.
En decembro do 2006 a Asemblea Xeral da ONU aprobou por consenso o primeiro tratado mundial de dereitos humanos que aborda especificamente o tema da diversidade funcional. Trátase dun histórico paso adiante para o movemento mundial das persoas con diversidade funcional, pero a adopción da Convención, por si soa, non garante que os dereitos humanos das persoas con diversidade funcional sexan respectados e protexidos.
Esta páxina pretende ser un observatorio participativo de dobre dirección, un espazo no que dun lado se porán de manifesto cantas accións u omisións contradigan o mandato da Convención; e doutro, recolleranse iniciativas, tanto institucionais como cidadás, que contemplen o seu desenvolvemento e funcionamento, para con isto poñer de manifesto o valor do artigo 33.3 da mesma, que ven a consolidar o dereito de participación e seguimento da súa aplicación ás persoas con diversidade funcional.
A historia demostra que a eficacia destes convenios está directamente relacionada coa capacidade da sociedade civil para promover a súa aplicación e facer o seguimento á labor dos gobernos.
derechoshumanosya.org é un instrumento necesario para ese seguimento e procurará que as persoas con diversidade funcional, as súas familias e organizacións, así como toda a sociedade, participen no reforzo do enfoque de dereitos humanos nas nosas comunidades. É o noso deber cívico impulsar o cumprimento desta Convención.
Do mesmo xeito, tamén é un recurso a disposición doutros colectivos que entendan que a diversidade funcional é unha cuestión de dereitos humanos.