Vigalicia, 20 anos como referente da vida independente
O pasado 29 de outubro, Anxela López foi convidada pola docencia do CIFP Félix Muriel de Rianxo a unha charla- coloquio co alumnado, baixo o lema Queremos vivir libremente, nunha vivenda na comunidade, non nunha institución
, de conformidade co disposto no art. 19 da Convención da ONU e do sinalado na súa observación nº 5 (2017).
Fixo un repaso histórico dos grandes fitos destes anos, subliñando os 20 anos:
- Da constitución das Oficinas de Vida Independente de Galicia e do Estado cuxa principal acción foi o Encerro no IMSERSO en Setembro do ano 2006, impulsando e promovendo proxectos pilotos e Decretos de Asistencia Persoal, seguindo os postulados do MVI.
- Da aprobación da Convención sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional, o tratado internacional das Nacións Unidas, adoptado o 13 de decembro de 2006 e que obriga dende o 3 de maio de 2008 a tratar a diversidade funcional coma unha cuestión de dereitos humanos, cun claro mandato de abandonar a institucionalización e garantir a Vida Independente e a inclusión comunitaria.
- Da aprobación da Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, cun marcado carácter asistencialista en contra do que un día antes se acordara nas Nacións Unidas.
Celebrou que 20 anos despois, aínda que sen lamentar a súa demora, se aprobe a Lei 4/2026 de 1 de Outubro que ven a reformar a Lei 39/2006 e demais lexislación en materia de diversidade funcional coa finalidade de adecuala o mandato da Convención.
Lembrou a obriga das administración públicas, de garantir a vida Independente, mediante a Asistencia Persoal, asegurando que ningunha persoa, independentemente das súas circunstancias, pague polo apoio que precisa ; que o financiamento permita recibir realmente as horas recoñecidas; que esas horas respondan o seu proxecto de vida; que poida elixir e controlar os seus apoios; e que, se quere contratar directamente, exista un marco xurídico estatal que o faga posible.
Falou da súa experiencia no Freedom Drive 2026 en Bruxelas como representante da Federación de Vida Independiente para facernos visibles en Europa, creando conciencias das barreiras e ameazas ao dereito á Vida Independente recoñecido no art. 19 da Convención da ONU.
Lembrou, para rematar, as verbas de Adolf Ratzka:
Para nós, a Asistencia Persoal non é un servizo asistencial máis; é a ferramenta que nos permite transformar as nosas necesidades en liberdades e as nosas limitacións en opcións.
