Nóvoa durante unha performance en Madrid

Unha cuestión de dereitos humanos

Mentres se felicita por unha lei que non garante independencia, o Estado incumpre a norma da ONU sobre cidadáns discapacitados.

Cando o cómico Josh Blue gañou o concurso televisivo de monólogos Last comic standing a pasada temporada fíxoo con chistes como este: O meu brazo dereito fai moitas loucuras. Como o outro día, que crin que alguén estaba a roubarme a carteira. Blue ten parálise cerebral.

Este é un dos relatos vitais que narra ao New York Times (24/05/2007/) nun número dedicado á evolución en EEUU da situación social das persoas con diversidade funcional (o que se adoita denominar discapacidade). Outro é o que conta Robert David Hall, o investigador forense coxo da serie CSI: O que me gusta de CSI –di o actor–, é que só son o doutor Robbins. Antes, se tiñas unha discapacidade e saías na tele púñanche unha música triste de piano de fondo.

Neste punto do relato a cronista, transitada na cercanía da diversidade funcional e amante indefectíbel das derivas humanas, vese obrigada a frear o discurso. “O que fagan os actores non significa nada –protesta Javier Romañach, escritor, enxeñeiro informático, experto en bioética e polémico activista do movemento–. Aquí tamén temos a Manolo o collo da tele, tivemos a parodia nacional, temos poderosos xerifaltes do movemento asociativo máis forte do mundo, pero todo isto non aplaca o verdadeiro problema. Non é o que pasa cos privilexiados, como eu ou como Toño (Novoa, presidente de Vigalicia e deputado do PSOE en Ribeira, na foto durante unha performance en Madrid), que vivimos ben, que vamos por aí dando conferencias, senón o que acontece cos Dereitos Humanos de todos, daqueles que morren na súa casa nunha aldea, que se aparcen en vida nunha residencia por falta de asistentes persoais, mentres se aplauden as leis que non serven para promocionar eses dereitos, senón para prorrogar a desigualdade”.

É o que lle aconteceu a Antonio Pozo, de 53 anos, que morreu de inanición en San Xoán do Campo, Lugo, tres días despois de finar a súa nai hai apenas catro meses. Eu esa morte téñoa cravada como se fora culpa miña –sigue Romañach–, porque sabes que estás a facer algo mal, que non fixeches abondo.

España incumpríu até o momento as sucesivas normativas que regulan a accesibilidade e os dereitos das persoas con diversidade funcional. E o que é máis grave, a última, a Lei da promoción da autonomía persoal –comunmente denominada lei de dependencia–, contradí os preceptos básicos da vida autónoma -un concepto incorporado por vez primeira en españa polo Foro da Vida independente- ao enfatizar o sistema de residencias no canto de promover a figura do asistente persoal.

O movemento, nacido en Estados Unidos na década dos setenta, pasou a Europa e creouse en España no 2001. Vive principalmente a través dunha comunidade virtual, plataforma para a loita, de moi significativa forza na Galiza, “un dos núcleos máis importantes do activismo pola diversidade e a filosofía da vida independente”, en palabras do representante da rede europea Manuel Lobato, algo no que teñen moito que ver intelectuais pioneiros como Juan José Maraña e Marita Iglesias. E é que, de feito, baixo a rúbrica de Maraña, membro da Asociación Iniciativas y Estudios Sociales que xestiona Iglesias, se publicou no Estado español un dos primeiros libros en castelán para mpulsar a autodeterminación destes cidadáns: Vida Independente- Boas Prácticas.

Ao ver destes expertos, o feito de que máis de setenta estados de todo o mundo –entre eles o español– asinaran o 30 de marzo do 2007 na sede da ONU en Nova York a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidades –a primeira declaración dos Dereitos Humanos do século XXI–, de carácter vinculante para os gobernosque a ratifiquen, é unha boa noticia que chega cargada de escepticismo. “Cando hai unha norma estatal que obvia os platexamentos de Nacións Unidas sobre a vida independente é razoábel incidir nas eivas para mellorar o camiño e, no meu caso, dinamitar o barco desde dentro para construír outro á nosa medida”, argüe Antón Novoa.

Non é tampouco a primeira vez que se incumpre a lexislación procedente do organismo internacional. “Pode pasar como coas normas uniformes da ONU que existen desde hai anos pero que en España non se comezara nin sequera a falar delas até que nós as puxemos sobre a mesa”, di. Ademais, Romañach, un dos primeiros en introducir en España a accesibilidade tecnolóxica engade que a inmensa maioría das webs galegas e estatais non aplican as normativas de accesibilidade fixadas internacionalmente nas Pautas WAI definidas polo W3C –Web accessibility Initiative– e o compromiso de accesibilidade e-Europe, asinado polo Goberno español no 2005.

E, entón, para que serven as normativas, as lexislacións internacionais, para que serve a ONU? Algo que tamén se preguntaba o profesor de Harvard Joseph S. Nye Jr. hai escasos días en El País, nun artigo de opinión no que conclúe: “Aínda que o sistema da ONU non é perfecto, nin moito menos, o mundo sería un lugar máis pobre e caótico sen a organización”.

Non é misión do cronista das eivas unha complacencia como a que neste caso brande Nye. Podería rematar o discurso valorando que si, por vez primeira dous gobernos –o do Estado e o da Galiza– están a edificar un sistema que conta coas persoas con diversidade funcional. Pero é que a independenza, esa palabra que paragoxicamente anunciaban os buses da Vicepresidencia para absurdo proer do PPdeG, que vían, como en todo, unha manobra perversa para dividir España, non está garantida, nin contemplada, sequera, e serán de novo, coma sempre, os privilexiados os que teñan acceso a ela.

AUTORA: Marga Tojo – FONTE: Galicia-Hoxe.com