Home en cadeira de rodas fronte uns chanzos

Turismo para case todos

Chegou por fin a tempada estival. O sol, as vacacións, as terrazas e as toallas. Sen dúbida os meses máis agardados do ano por cáseque toda a poboación.

No verán resulta máis complicado amolarnos e todos andamos máis ledos pese á area nos zapatos, ou que á hora de coller o coche cozas vivo dentro. Todos somos máis felices no verán, porque podemos divertirnos e gozar por fin desa viaxe agardada por todos. Ou se cadra non.

Resulta que en pleno século XXI, e coa filosofía do estado de benestar supostamente asumida pola totalidade da cidadanía, aínda existen sectores da poboación que se ven imposibilitados a un desenvolvemento corrente do seu tempo de lecer por mor de barreiras que deberían estar superadas hai tempo.

Trátase das persoas con problemas de diversidade funcional, un termo alternativo ao de “discapacidade” cuñado polo Foro de Vida Independente no ano 2005. Un numeroso grupo que ve incrementado de forma esaxerada, abusiva e absurda o presuposto necesario á hora de pensar en realizar unha viaxe.

As persoas con diversidades funcionais representan case o dez por cento do total da humanidade. Un dos sectores máis discriminados e esquecidos ó longo da historia. Apartados incluso dentro dos propios colectivos discriminados historicamente.

Podemos pensar se cadra que son reminiscencias de tempos pasados onde as conquistas das liberdades e dos dereitos individuais non eran máis que vagas ilusións e que agora vivimos en sociedades de pleno dereito onde isto xa non sucede. Tópicos e clixés a medio camiño entre a verdade e a falacia.

A realidade é obvia. Afortunadamente, xa non vivimos nunha sociedade espartana que rexeita estes colectivos de forma sistemática. Certo. Pero o que tamén é certo é que por cada euro que gasta un turista corrente, un turista con necesidades de accesibilidade gasta un euro con corenta céntimos ou para facelo máis ilustrativo onde un gasta 1.000 euros o outro gasta 1.400.

“A situación é patética” explica Antón Novoa membro do Foro de Vida Independente e un dos grande responsables de VIgalicia, unha ONG de ámbito comunitario que ten por obxectivo promover unha filosofía de vida independente para estes colectivos. Nos lugares onde supostamente se aposta polo turismo nin tan sequera teñen urinarios adaptados, engade. O turismo para todos é un valor engadido, as barreiras exclúen de bens culturais grandes grupos de persoas. Máis alá do puramente anecdótico, non existen transportes públicos adaptados en Galicia”. Realmente a situación é desastrosa. Certos transportes públicos como taxis ou trens non contan con plataformas nin prazas accesibles o que fai moi complicado os desprazamentos se non se conta con medios propios.

Por outro lado, o 70 por cento dos hoteis galegos presentan barreiras arquitectónicas que imposibilitan o acceso a persoas con mobilidade reducida e os poucos hoteis existentes coas medidas necesarias son de catro ou cinco estrelas, o que implica un gran desembolso económico. Un círculo que se retroalimenta. A pescada que morde a cola. Tres cuartos do mesmo pasa cos ansiados festivais veraneiros. Semella que ás veces é suficiente con ter unha chaira onde plantar un par de escenarios, catro ou cinco barras e algunha que outra latrina pestilente móbil para poder cobrarche 50 “eurazos” por entrada. Todo, por suposto, desprovisto de calquera tipo de rampla de acceso.

Pero, obviamente, o problema non se reduce ao turismo, e seguirá sen facelo mentres non se aborde dende todas as perspectivas posibles xa que non se reduce só a un problema social. Dende VIgalicia Antón e os seus compañeiros apostan pola figura do asistente persoal como a mellor forma para poder controlar o destino, a vida e o tempo das persoas con problemas de movilidade reducida. De feito chegouse a aprobar polas tres forzas parlamentarias de Galicia na pasada lexislatura, unha proposición non de lei que instaba ó goberno de Galicia a poñer en marcha un servizo de asistencia persoal e tecnolóxica para persoas con diversidade funcional, en consonancia co establecido na Convención da ONU sobre os dereitos Dereitos das Persoas con Discapacidade .

Sería un bo momento para aplicar dunha vez por todas este compromiso. Sobre todo porque dende as altas esferas políticas non paran de falar de crise e do preocupante número de parados. Se finalmente se asentase a figura do asistente persoal sería unha medida xeradora de emprego.

Pero claro, o problema de fondo é un tema de desaxustes orzamentarios coma case sempre. As leis son boas pero os cartos non son suficientes. Polo que finalmente estas medidas quedan reducidas a “baremos de valoración de dependencia”, subvencións e concursos que fan da burocracia a súa mellor aliada para explicar o inexplicable. Que 3´5 millóns de persoas en España, 50 millóns de persoas en Europa e 500 millóns en todo o mundo estean nunha situación de inferioridade e inxustiza á hora de gozar do seu tempo de lecer.

Non obstante, parece que a insistencia pode ter por fin recompensa tras o anuncio realizado por parte da nova presidenta do Parlamento galego Pilar Rojo e difundido polos medios de poñer o Parlamento de Galicia á disposición das persoas con discapacidade da nosa comunidade autónoma. Un ofrecemento que fai que dende VIgalicia se retome a iniciativa de implantar un servizo de asistencia persoal e tecnolóxica que garanta a igualdade de oportunidades e o goce de todos os dereitos fundamentais das persoas con diversidade funcional, tratando de dar continuidade á proposta non de lei aprobada no ano 2007.

Veremos en que queda porque xa é hora.

AUTOR: Lois Balado T. FUENTE: ElCorreoGallego.es