Marita Iglesias xunto ao seu marido, tamén con diversidade funcional, na súa casa de Vedra

Si viviese en Madrid tendría un ayudante 11 horas al día; aquí lo tengo 3

Marita denuncia la situación de Galicia, que impide a los discapacitados poder ser realmente independientes

Marita, dependente que se quedou sen prestación da xunta denuncia a situación de Galicia, que impide aos discapacitados poder ser realmente independentes

Marita Iglesias ten unha dependencia severa ou, como ela prefire denominalo, unha diversidade funcional. A súa historia, a súa queixa, é sinxela e á vez moi complicada: reclama á Xunta que acepte o informe social dun funcionario público no canto dunha asociación privada. Esa é a punta do iceberg da súa reclamación, que vai máis aló, ata a necesidade que teñen os grandes dependentes de contar con moito apoio público (gratuíto) para desenvolver unha vida perfectamente normal.

Vostede pertence ao foro de vida independente. ¿De que se trata?

Somos un grupo que intentamos desenvolver unha vida exactamente igual á de calquera outro veciño que non teña problemas físicos. Temos unha páxina web, Foro de Vida Independiente e aquí en Galicia é www.vigalicia.org.

A súa gran reivindicación é contar coa figura dun asistente persoal, que vostedes chaman (polas súas siglas) AP. ¿Iso que é? ¿Que significa?

É a persoa que estará ao meu lado para que eu poida facer a miña vida. Hai moita xente, por exemplo, con tetraplexía que non se pode mover pero si é capaz de controlar as súas decisións. Estas persoas, cun asistente persoal poden traballar. Algúns invisten todo o seu soldo en pagarse ao axudante (en moitos casos dous e ata tres asistentes persoais) que necesitan para poder saír de casa, pero a cambio dispoñen dunha vida que manexar. O máis importante é que o teu veciño non sabe nin quen é o teu asistente persoal nin se, de feito, o tes. Pero ti traballas, entras e sales da túa casa e fas a túa vida. Esa é a verdadeira independencia.

¿Isto vale para todo tipo de persoas con discapacidade?

Non, porque é algo complicado e que nos esixe moito. En países onde estes programas de vida independente se desenvolven desde hai moitos anos, trinta por exemplo en Gran Bretaña, calculouse que só o 2 por cento dos teoricamente beneficiarios o solicitan.

¿Por que?

Como digo é moi complicado. Non todo o mundo está disposto a compartir ese espazo con outra persoa e require moita forza e sacrificio pola nosa banda para traballar e intentar facer unha vida normal.

En España a figura do asistente persoal desenvolveuse en Madrid e de aí copiouse a outras comunidades. ¿Como se fixo alí? ¿Que conseguiron?

Foi exemplar. Un persoa con diversidade funcional dispón dun AP once horas ao día, sete días á semana, sen custo algún se cobra menos de tres veces o IPREM, é dicir, uns 1.800 euros ao mes. Se con ese soldo necesita máis horas de AP, entón ten que pagar unha parte. Pero, claro, calquera entende que unha persoa que gaña 1.800 euros pode colaborar nesas circunstancias.

¿Como está a situación en Galicia?

O AP tamén é gratuíto pero se limita a 30 horas semanais e en horario diúrno. Iso supón dous ou tres horas ao día e entón o domingo xa non tes dereito a un AP, ou sexa, non te levantas da cama. Se queres saír unha tarde, entón ao día seguinte non pode vir e de noite, esquécete, nin cine nin teatro nin ceas… Se eu vivise en Madrid tería o axudante gratis 11 horas; aquí téñoo 3. En Galicia teño dereito a menos dun 40 por cento dese tempo.

¿Como se apañan entón?

Pois hai de todo, xente que se deixa o seu soldo en AP, outros botan man da súa familia e hai quen queda encamado toda a vida…

No seu caso particular, ademais, agora xa non ten dereito ao asistente persoal. ¿Por que?

Porque a FUNGA, o organismo de Vicepresidencia que coordina o programa, esíxeme que acuda a unha asociación privada (que ten o servizo concertado) para que me fagan un informe social se quero prorrogar o servizo.

Vostede non quere, ¿por que?

Eu si quero, é dicir, eu achegueilles con todos os meus papeis un informe da asistente social do meu concello. ¡Pero á Xunta non lle vale!, e iso que é un papel público dun funcionario público. Incrible. O meu razoamento é algo complexo de explicar, pero desde o Foro de Vida Independente estamos en contra das peticións e esmolas… eu non quero que unha asociación entre na miña casa e coñeza os meus datos persoais se eu non llos quero dar. En cambio, non podo dicir o mesmo da Administración, do mesmo xeito que é un médico público o que me dá a baixa laboral ou o grao de minusvalía. A vía pública é o meu único amparo. Por iso opto pola canle pública, e é o que pido: que o acepten. Pero non o fixeron e xa me comunicaron que me suspendían a axuda ao non presentar o papel da asociación.

¿Está en contra de que o xestione unha asociación?

Creo na xestión mínima da Administración, porque se son eu a que busco a miña AP e substitúoo con outra persoa cando está de baixa, aforro todo o tempo de trámites e xestión, non desperdicio nada de diñeiro, porque cada hora que non teño AP estou desatendida. Así funciona ben o sistema, é como ocorre en Madrid. Por outra banda, que unha asociación leve este asunto non me parece tan mal como o feito de que non me deixen optar pola vía pública para presentar o meu informe social. Só iso.

¿Agora que vai facer?

Esa é outra. O servizo de AP non está na lei de dependencia, aínda que o artigo 16 da lei si recolle esa figura, ¡e canto traballo nos custou incluíla! Pero por razóns de operatividade en Galicia xestiónase polo Sistema Galego de Benestar e aínda non puiden saber como teño que reclamar a negativa de prórroga, cal é a vía a seguir. Porque eu quero saber por que me negan o informe social dun asistente social municipal, en que se basean.

A súa queixa ten moito de reivindicación, claro…

Escribinlle unha carta a Anxo Quintana e precisamente terminaba así, que como comprendería facilmente para min era moito mellor acceder ao informe da asociación e listo. Pero son consciente de que moitas persoas me están mirando, e que moitos dos que acudiron á asociación fano porque non lles queda outro remedio se queren saír de cama, pero que no fondo están de acordo comigo.

Autora: Sara Carreira. FONTE: LaVozdeGalicia.es

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros. Se segues navegando considérase que aceptas a política cookies. Máis información

As opcións de cookie neste sitio web están configuradas para "permitir cookies" para ofrecerche mellor experiencia de navegación. Se segues utilizando este sitio web sen cambiar as opcións ou premes en "Aceptar" estarás consentindo as cookies do sitio. Aviso legal

Pechar