Membros da plataforma momentos antes da reunión

Reunión da Plataforma de Usuarios do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal con María Xesus Lago e Bieito Seara

Na maña de hoxe, 2 de outubro, un grupo de persoas con diversidade funcional pertencentes á Plataforma de Usuarios do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal foron recibidos pola Secretaria Xeral de Benestar Social, María Xesus Lago, e polo Director Xeral de Acción Social, Bieito Seara, para manter unha reunión informativa na que tratar o futuro das 30 persoas con diversidade funcional que, ata o pasado 30 de setembro, formaron parte do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal. En dita reunión os representantes de Benestar informaron do seguinte:

  1. O proxecto piloto continua sine die coas 30 persoas que participan nel, coas mesmas condicións que ata o de agora e ata formalización do sistema galego de AP.
  2. Todos os participantes recibiran por escrito de xeito individualizado esta información.

A Plataforma de Usuarios do Proxecto Piloto queda a disposición da Vicepresidencia para promover a Vida Independente en Galicia, e axudarlles en todo o que precisen para acadar unha política social digna en todos aqueles asuntos que afecten ás persoas con diversidade funcional en situación de dependencia, particularmente para o deseño e a formalización do futuro sistema galego de asistencia persoal.

A Plataforma considera aos usuarios do proxecto piloto como os mellores expertos e interlocutores coa Administración para promover o desexado Sistema Galego de Asistencia Persoal.

A Plataforma de Usuarios do Proxecto Piloto de Asistencia Persoal seguirá a traballar con todas quelas persoas e entidades que queiran poñer en práctica a Convención da ONU polos Dereitos das Persoas con Discapacidade en especial o referente ó artigo 19 referente ó dereito de vivir de xeito independente dentro da comunidade.