Proxección de Yes, we fuck en Ponteareas
O pasado sábado, 1 de outubro, proxectouse o documental “yes, we fuck” no salón de plenos da Casa do Concello de Ponteareas. O acto, organizado pola asociación cultural FestiVal das Brétemas forma parte da V edición, dedicada a “Corpos e sexualidades”, e contou coa presenza de Anxela López membro do Foro de Vida Independente e presidenta de VIgalicia.
Anxela, participante no documental, falou da importancia de visibilizar a sexualidade das persoas “diferentes” como algo natural e necesario, deses corpos que a sociedade non considera normais, que os discrimina e os oculta.
Ao acto asistiu numeroso público, que seguiu con interese a proxección e despediu cun gran aplauso o final do documental.
O documental “Yes, we fuck” quere mudar mentalidades, abrir un debate e reflexionar sobre a visión que se ten da diversidade humana (mulleres, transexuais, diversos funcionais…). Que se abandone esa falsa crenza de enfermidade, incapacidade, submisión, infantilismo, suxeito pasivo, asexuado, digno de lástima e protección… Que mellor maneira de facelo que a traves da sexualidade, mostrando eses corpos como desexables, capaces de dar e recibir pracer ao alcance de todos e todas cos espazos inclusivos e os recursos necesarios.