Proxección de ‘Quererla es crearla’
O pasado 10 de decembro, coincidindo coa celebración do Día dos Dereitos Humanos, VIGALICIA levou a cabo a proxección do documental “QUERERLA ES CREARLA”, un relato e unha reflexión colectiva sobre a educación inclusiva das persoas con diversidade funcional que foi gratamente acollido polo público asistente.
Fronte as múltiples facetas que suscita esta cuestión, tras a exhibición da película púidose contar coa reflexión da Dra. en Equidade e Innovación en Educación dá USC, Iris Estévez, de Manuel Armas Castro, Doutor en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela e Catedrático de Orientación Educativa en Educación Secundaria, así como da perspectiva máis persoal e involucrada no cambio socio-educativo de Cuca da Silva Rubio, presidenta da asociación “Por Dereito“ (Cambados), activista e nai dun mozo con síndrome de Asperger, e de Anxela López Leiceaga como activista social, persoa con diversidade funcional e presidenta de VIGALICIA. O encontro foi moderado por Juan José Maraña, activista e membro de VIGALICIA e contou coa colaboración do SEPIU – Servizo de Participación e Inclusión Universitaria da USC.
“QUERERLA ES CREARLA”, toma como eixo o arduo periplo vital e legal sufrido por Rubén Calleja e a súa familia na súa decidida aposta pola educación inclusiva na escola ordinaria do seu fillo con síndrome de Down, fronte á imposición segregacionista da administración educativa de ser derivado a un centro de educación especial. Sobre a narración deste caso, un grupo de pais, maioritariamente de nais, reflexionan e comparten actitudes, emocións e vivencias como xermolo dun movemento liberador e positivo fronte ao obstrucionismo e a desidia institucional pola educación inclusiva das persoas con diversidade funcional.