Fotograma do documental 'Quererla es crearla'

Proxección de ‘Quererla es crearla’ en Compostela

PROXECCIÓN E DEBATE POSTERIOR

— Entrada libre ata completar aforo —


‘Quererla es crearla’ é un documental acerca dun dereito, unha necesidade, un desexo, un compromiso político e unha posibilidade: facer que nas escolas todas as persoas poidan aprender a vivir xuntas. Construír sociedades inclusivas require desmontar os prexuízos que temos sobre a diversidade e as diferenzas, para o que necesitamos revisar as escolas nas que parte do alumnado non cabe, é maltratado e segregado, mentres o resto aprende a ver a discriminación como algo correcto e desexable.

A película reflexiona sobre esta realidade a través de diversas historias que se entrecruzan na defensa do dereito á educación inclusiva. Comeza co caso de Rubén Calleja, que foi expulsado da súa escola primaria e obrigado a ser escolarizado nun centro de educación especial, algo que a súa familia se negou a acatar. Tras anos de loita legal, Rubén obtén o respaldo de Nacións Unidas, cunha sentenza pioneira en contra do sistema educativo español. A educación inclusiva é un dereito fundamental, que habilita a posibilidade de participar no mundo.

A historia de Rubén é o fío condutor doutras loitas, máis profundas e complexas que a xurídica, que comparten un grupo de estudantes e as súas familias: as que se refiren aos idearios compartidos socialmente, á cultura, o políticas e as prácticas escolares, que discriminan fortemente por capacidade, orixe social, xénero, etnia, saúde, orientación sexual, nacionalidade, etc. Pero que tamén prexudican a quen non entran nesas categorías, porque ninguén pode axustarse á normalidade á que serven as escolas. Co fondo dunha loita que ten que ser compartida por toda a poboación, este grupo de persoas mostra a necesidade de saír das súas insoportables situacións opresivas, á vez que nos introducen nos soños cotiáns, sinxelos e esperanzadores de calquera persoa, as súas accións para facelos realidade, pequenas cousas que conforman o día a día… Pero por riba de todo, o filme é o testemuño dun movemento colectivo: a inclusión non é algo afastado e inalcanzable, senón unha experiencia real que viven moitas persoas hoxe, que afonda na diversidade e, por tanto, na nosa natureza humana.