Proxección de ‘Defiant lives’ en Compostela

PROXECCIÓN E DEBATE POSTERIOR


Día: 14 de marzo

Hora: 18:30

Lugar: Casa Gimena, Rúa das Casas Reais Nº 8, Compostela. Localización


— AFORO COMPLETO —

Defiant Lives presenta ante o espectador a loita silenciada de activistas a prol dos dereitos civís das persoas con diversidade funcional que, aínda centrada nos Estados Unidos, Gran Bretaña e Australia, a día de hoxe é unha expresión globalmente válida da pugna vixente e incesante pola igualdade e a liberdade deste colectivo.

Rescatáronse para esta produción materiais videográficos inéditos de quen, desde a experiencia persoal como homes e mulleres reos do sistema institucionalizador, entenderon inmediatamente que a súa excarceración deixábaos ante novas frontes de loita. Alcanzar a independencia e o control sobre as súas vidas levou entón como agora a identificar retos políticos e culturais, socavar a profundidade e fortaleza dos alicerces que aínda sosteñen o pernicioso modelo médico-rehabilitador.

Defiant Lives é un documental apaixonado cuxos personaxes atopan en todos nós unha inmediata similitude con eses homes e mulleres da nosa cotianidade que en calquera enclave xeográfico e temporal aínda desafían con rebeldía os riscos de crear un mundo mellor e diferente para a liberdade das persoas coa diversidade funcional.

VIGALICIA obtivo os permisos para a exhibición pública de Defiant Lives e entendeu que a fórmula de proxección e debate é a ferramenta máis adecuada para converter a narración desta experiencia nunha reflexión colectiva que axudará a enfocar a diversidade funcional desde unha lectura e perspectiva totalmente diferente.

A proxección deste documental sería a primeira acción cultural doutras tantas programables no medio prazo. A invitación a participantes de certa significación social leva claros obxectivos de predispor, de condicionar culturalmente a escoita e a participación tanto dos axentes decisorios en materia de inclusión social de persoas con diversidade funcional como da poboación en xeral.