O recordatorio do Principal
A función de Os dous de sempre, de Mofa e Befa, no Teatro Principal de Santiago comezou con atraso este mércores tras xurdir un conflito que vai máis alá dun incidente puntual: a persistencia de espazos culturais que seguen sen garantir unha accesibilidade equivalente para todas as persoas.
Unha espectadora usuaria de cadeira de rodas situouse no corredor central, fronte ao escenario, ao considerar que as prazas “adaptadas” do teatro (situadas na parte traseira e con pior visibilidade) non ofrecían condicións comparábeis ao resto do público. O persoal de sala parou o programa esixindo súa recolocación por motivos de seguridade e evacuación, o que derivou no atraso do espectáculo.
Mais o foco do problema está mal situado se se coloca na espectadora. O conflito non é a súa presenza, senón a autocompracencia de quen deseña e xestiona espazos que seguen a producir accesibilidade segregada, e a tolerancia institucional cara a solucións arquitectónicas que reproducen desigualdade baixo aparencia de normalidade. Semella unha doenza de preguiza intelectual que desvale a condición de cidadán.
A historia social amosa que estas lóxicas son vellas pero viven. Houbo un tempo en que ás persoas xitanas se lles asignaban sistematicamente os “galiñeiros” dos cinemas, zonas apartadas e de peor calidade, como se a xerarquía espacial fose natural. Cando Rosa Parks se negou a ocupar o asento asignado ás persoas non brancas, a viaxe retrasouse porque o condutor do autobús chamou á policía para resolver a insubmisión. O incidente do Principal é un acto de dignidade que evidencia a aceptación como sostén de inxustizas estruturais ao determinar quen pode ocupar cada lugar.
Ben mirado, o argumento da seguridade non pode ocultar a pregunta central: por que a única opción “accesíbel” segue a ser, en moitos casos, unha localización peor ou residual? O problema non é individual, senón de deseño. Mentres a accesibilidade siga a resolverse como adaptación excepcional, seguirá a producir experiencias desiguais.
O atraso da función non é produto dunha actitude persoal, senón dunha contradición entre o discurso da inclusión e uns espazos alleos ao deseño seguro para todas as persoas, dun maltrato institucionalizado. Pagar a entrada non debe implicar aceptar unha experiencia degradada: non é un privilexio participar en igualdade, senón o dereito básico de acceso á cultura sen xerarquías espaciais. A espectadora responde a unha situación inxusta. O seu xesto non é un problema, senón un recordatorio de que a igualdade real esixe transformar os espazos, non esixir resignación. Sentindo moito: protestar contra o inxusto é saudable. Iso si, o traballo de Mofa e Befa, excelente.
J. Antonio Nóvoa Romay
18 de abril de 2026
