Sede do Valedor do Pobo

O Foro de Vida Independente entrevístanse co Valedor do Pobo de Galicia

Na mañá do pasado 31 de xullo, membros do Foro de Vida Independente, de Galicia, mantiveron unha reunión co Valedor do Pobo, Benigno López, na súa sede institucional de Santiago de Compostela.

En dita reunión, fíxoselle entrega dun exemplar da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e falouse extensamente acerca de varios dos temas recollidos na propia Convención e que son fundamentais á hora de evitar a discriminación e a exclusión das persoas con diversidade funcional e acadar a igualdade de oportunidades destas persoas na nosa comunidade.

O primeiro que se tratou foi o dereito á vida independente e a vivir en comunidade das persoas con diversidade funcional (art. 19) algo primordial para facer efectivos os dereitos destas persoas e poñer en valor a súa condición de cidadáns iguais.

Ademais disto falouse de temas como o dereito á ter unha educación inclusiva dos nenos e nenas con diversidade funcional (art. 24), da accesibilidade (art. 9) ou do dereito á mobilidade persoal destas persoas (art. 20).

Tamén se lle trasladou ao Valedor do pobo a necesidade de elaborar un informe sobre cal é a realidade e a situación actual dos dereitos humanos das persoas con diversidade funcional en Galicia. A razón da elaboración deste informe é comprobar o grao de cumprimento da Convención da ONU.

Aínda que dende abril de 2008 este tratado internacional é aplicable en todo o estado español, a día de hoxe, o cumprimento dos dereitos civís das persoas con diversidade funcional é moi inferior ao de outros colectivos sociais.

A proposta de realizar un informe inicial de diagnose completaríase coa elaboración dunha memoria de seguimento con periodicidade determinada para poder ver a evolución da implantación real da Convención na nosa comunidade.

Os membros do Foro de Vida independente solicitaron tamén ao Valedor que esta institución se implique na difusión ampla e profunda da Convención en Galicia. Benigno López comprometeuse a velar polo cumprimento deste tratado e a traballar a prol da toma de conciencia da sociedade ao respecto da diversidade funcional, tal e como se plasma no artigo 8 da Convención.

Por último os representantes do movemento de Vida Independente en Galicia abordaron o tema da Lei de Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia e instaron ao Valedor a lograr que esta e todas as leis do noso país sexan abordadas de xeito transversal coa Convención como marco base.