Anxela López dirixíndose ao alumnado do CIFP Compostela

O CIFP Compostela con Judy Heumann

O pasado 30 de marzo, o CIFP Compostela contou, un ano máis, coa presenza de Anxela López para explicar ao alumnado de Integración social e atención ás persoas en situación de dependencia o ideario de Vida Independente, falando das dúas ferramentas fundamentais: a Asistencia Persoal e a Asistencia Sexual.

Na súa intervención, tivo sempre presente a Judy Heumann, a nai do Movemento de Vida Independente. Lembrou que, grazas o seu tesón e compromiso, na década dos 70, creou xunto a Ed Roberts, a primeira Oficina de Vida Independente en Berkeley. Estamos hoxe falando de desinstitucionalización e Asistencia Persoal, e contamos cun potente instrumento normativo, como é a Convención da ONU, na que ela tivo un papel decisivo. Tamén resaltou a súa colaboración e apoio na reivindicación dos dereitos humanos das minorías a nivel mundial, e moi especialmente a súa contribución en Galicia no verán de 2008.

Proxectouse o tráiler do documental “Crip Camp”, onde ela é coprotagonista. Nel danse a coñecer de primeira man as orixes do xurdimento do Movemento de Vida Independente, que toma como referente os movementos sociais na defensa dos dereitos civís, liderados por Rosa Park e Martin Luther King. O lema deste último nas protestas é: “injustice anywhere is a threat to justice everywhere” (a inxustiza nalgunha parte é unha ameaza a xustiza en todas partes).

Anxela deixou claro en relación á polémica e confusión suscitada coa película “La consagración de la Primavera” que a Asistencia Sexual, á igual que a Asistencia Persoal, é un medio para acadar a igualdade e a liberdade. Son dúas figuras que se complementan, polo tanto non debe intervir ningún familiar, o control ten que partir exclusivamente da propia persoa con diversidade funcional. Engadiu que, no caso da persoa con diversidade intelectual, existe a figura do garante, que é quen se responsabiliza de establecer entre asistente e asistido o protocolo para determinar que é o que pode decidir a persoa con diversidade intelectual por si mesma, que decide con apoio e que non decide.

Para un maior entendemento e compresión do dereito a Asistencia Sexual visualizouse a primeira historia do documental “Yes, We Fuck”

Rematou a charla lendo un parráfo que aparece no libro das memorias da propia Judy Heumann: “Being Heumann:

“O cambio nunca ocorre ao ritmo que pensamos que debería. Sucede ao longo dos anos, de persoas que se unen, elaboran estratexias, comparten e tiran de todas as pancas que poden. Gradualmente, cunha lentitude insoportable, as cousas comezan a suceder, e logo, de súpeto, aparentemente da nada, algo inclínase”.