Anxela López Leiceaga durante a charla

Non somos nenas, somos mulleres diversas e iguais en dereitos

O pasado venres 21 de febreiro, o colectivo feminista ZEIVAS invitou á presidenta de VIGalicia, Anxela López Leiceaga a dar unha charla en Marín sobre a sexualidade das persoas con diversidade funcional con necesidade de apoios para poder vivir libremente.

A intervención que levou por título “non somos nenas, somos mulleres diversas e iguais en dereitos”, tivo a intención de reivindicar un tratamento igualitario para todas, incluída a diversidade funcional intelectual, fuxindo da dependencia e o control institucional, da familia e dos profesionais, tal e como dispón a Convención da ONU dos Dereitos das persoas con diversidade funcional.

Incidiu na obriga de garantir a sexualidade tanto na dimensión social como individual a través da Asistencia Persoal e a Asistencia Sexual, dereitos humanos recoñecidos nos artigos 19, 23 e 25 da citada Convención da ONU.

Fixo referencia á diversidade de apoios no exercicio da sexualidade, con especial mención ao proxecto “tus manos, mis manos” (AsistenciaSexual.org), no que colabora VIGALICIA, e a “Yes, we fuck”, documentario pioneiro na visibilización da sexualdade e a asistencia sexual a persoas con diversidade funcional.

Abriuse un interesante coloquio e unha lectura de conclusións, deixándose de manifesto a necesidade de unirnos, de reclamar que se cumpran os nosos dereitos a ser libres, donas dos nosos corpos e das nosa vidas.