Non á institucionalización, si á Vida Independente no 2025
Este xoves, 16 de Xaneiro, Anxela López volveu ao CIFP Compostela para charlar sobre Vida Independente e dereitos humanos co alumnado e a docencia de integración social e Atención á Dependencia.
Resaltou que a Xunta de Galicia ten que cumprir cos dereitos humanos das persoas con diversidade funcional e, non seguir aumentando e priorizando o gasto público na institucionalización, construíndo e inaugurando novos centros residenciais, e atender ao sinalado na observación nº 5 (2017) que interpreta o artigo 19 da Convención ONU que versa sobre o dereito a vida independente e a inclusión comunitaria, cando di que:
“Para respectar os dereitos das persoas con discapacidade en virtude do artigo 19 entendese que os Estados Partes deben eliminar gradualmente a institucionalización. As novas institucións no poden ser construídas polos Estados Partes, nin as vellas institucións poden ser renovadas máis alá das medidas máis urxentes necesarias para salvagardar da seguridade física dos residentes”.
Lembrou que existe en Galicia unha libranza de Asistencia Persoal dende o ano 2010, actualmente, recoñecida no Decreto 142/ 2023 do 21 de Setembro, grazas o empeño e determinación da Oficina de Vida Independente de Galicia. Aclarou que este recurso foi un avance mais é insuficiente e está lonxe de poder considerarse Asistencia Persoal pois non se desenvolveu conforme o ideario da Vida Independente e o paradigma de dereitos humanos que emana da precitada convención ONU.
Salientou que este apoio humano non debe entenderse como unha prestación asistencial máis dentro do modelo médico-rehabilitador senón como un dereito humano imprescindible, onde as necesidades e preferencias individuais estean por riba dos intereses dos provedores de servizos, para que ás persoas con diversidade funcional poidan empoderarse, ser libres e iguais e vivir fóra das institucións.
Insistiu en que o respecto polos dereitos humanos supón asumir o cambio de paradigma e implicarse na construción dun mundo inclusivo e respectuoso coa diversidade humana; valorando a todas as persoas por igual, sen menosprezar e discriminar a ningún ser humano polo seu xénero, idade, color de pel, orientación ou identidade sexual, diversidade funcional…
Desde VIGALICIA confiamos que o Ministerio de dereitos sociales y agenda 2030 cumpra co compromiso adquirido coa Convención da ONU e siga as da observación nº5 e impulse, promova e aprobe, neste ano 2025, a Proposta de Lei específica de Asistencia Persoal da Federación de Vida Independente; contemos cunha regulación laboral da Asistencia Persoal e se adopten, tamén, dende administración públicas competentes todas as demais medidas que sexan adecuadas e necesarias, para acabar coa desigualdade e discriminación que sufrimos no día as persoas con diversidade funcional, garantindo a Vida Independente, a inclusión e a plena participación social de todos, todas e todes.
Houbo unha alta participación tanto por parte da docencia como polo alumnado, cabe destacar o debate entorno o rol das entidades fornecedoras de servizos, a regulación da relación laboral do AP e da asistencia sexual onde se explicaron os diferentes enfoques da película “Vivir y otras ficciones” do 2016 e “La consagración de la primavera” do 2022.