Publico asistente á charla

“Nada sobre nós sen nós”, charla no CIFP Ánxel Casal

Baixo o lema “Nada sobre nós sen nós”, o pasado 25 de abril, Anxela López Leiceaga impartiu unha charla no CIFP Ánxel Casal da Coruña ao alumnado do Ciclo Medio de Atención ás Persoas en Situación de Dependencia.

Comezou a intervención explicando as diferenzas entre o Modelo de Vida Independente, baseado nos dereitos humanos, e onde o control e o poder de decisión sobre os asuntos da vida diaria reside na propia persoa con diversidade funcional, e, o modelo médico rehabilitador, un sistema asistencial e de caridade onde o control e o poder decisión sobre a nosa vida reside nos profesionais, nos voluntarios e na familia. Sistema baixo o que vivimos, aínda hoxe, as persoas con diversidade funcional

A continuación fixo unha exposición do Sistema de Asistencia Persoal existente en Galicia, incidindo na situación de precariedade na que nos atopamos: Obstaculización do modelo de autoxestión, insuficiencia de horas de asistencia, copagamento inxusto…

Lembrou tamén, que vindeiro 3 maio fanse dez anos do obrigado cumprimento por parte do Estado do estipulado na Convención da ONU, onde se recoñece como dereito humano a Asistencia Persoal que sexa necesaria, ferramenta imprescindible para poder participar na comunidade en igualdade de condicións ao resto dos cidadáns.

Para mellor compresión da importancia e significado das funcións deste apoio humano, proxectouse un vídeo onde se mostran as diferentes tarefas do asistente persoal.

Finalmente, fixo un chamamento á administración pública para que atenda as demandas de VIgalicia para traballar xuntos no cumprimento do mandato parlamentario do 20 febreiro do 2018, facendo posible a Vida Independente como alternativa á institucionalización das persoas.

O alumnado entendeu o inxusto e discriminatorio da realidade das persoas con diversidade funcional, en especial das persoas usuarias de Asistencia Persoal, e no coloquio posterior mostrouse moi participativa e interesada en afondar no coñecemento deste servizo.