Martina González Veiga: “hai que ver as persoas con diversidade como suxeitos sexuais”
Como directora do centro de sexualidade Con mucho gusto!, Martina González Veiga achegase á vida sexual de xeito natural e vendo a diversidade como unha oportunidade no canto de ver as nosas circunstancias como un problema.
Dende o seu programa na Radio Galega, Gónzalez Veiga, normaliza o feito de falar de sexo. Nesta entrevista seguimos a mesma senda e poñémoslle voz ás súas reflexións.
Martina, dende a túa opinión, a que se debe que a sexualidade e a diversidade funcional sigan a ser case que temas contrapostos a estas alturas do século XXI?
A que as cousas non mudaron tanto como as veces pensamos: os medios de comunicación seguen a perpetuar unha idea da sexualidade xenital, heterosexual, normativa, transmítennos modelos ríxidos de como son as mulleres e os homes desexables; seguimos tendo dificultades para entender a diversidade de calquera tipo, e moito máis a sexual; seguimos sen recibir unha educación sexual de calidade ao longo da nosa vida.
É preciso que se visibilicen ás persoas con diversidade funcional como persoas desexantes e desexables, que se faga patente que este modelo normativo de como temos que ser non lle vai ben a ninguén, que so é xerador de problemas. Que todo ser humano é sexuado e ten dereito a vivir a súa sexualidade como queira, dende a liberdade que da o coñecemento, e que as persoas con diversidade funcional teñen dereito a que se lles proporcionen tódalas ferramentas necesarias para vivir a súa sexualidade de xeito pleno e satisfactorio.
Sempre que se fala de “integración” faise referencia ao acceso ao mercado laboral, á educación, á accesibilidade… Como é posible que ninguén pense na sexualidade como un punto fundamental da vida das persoas?
Probablemente porque fai falta derribar moitas barreiras mentais. Segue a haber moitos clichés e mitos en relación as persoas con diversidade funcional, as veces parece que flota no aire un estraño medo a abordar o tema, e parece que si non se toca non existe. A moitos profesionais resúltalles complicado falar de sexualidade, topamos coas propias actitudes, cunha carencia formativa e co “edúcate como poidas”.
Con demasiada frecuencia cando se trata a sexualidade, se fai dende as disfuncións, infeccións, embarazos non desexados, en definitiva, dende os problemas. Cando a sexualidade forma parte do que somos, e como nos vivimos e relacionamos é unha parte fundamental do noso benestar, esquecemos que se pode aprender a vivir máis plenamente, a gozar, a relacionarse de xeito positivo, a quererse ben.
Dende a sexoloxía estamos a traballar para que isto mude, e creo que as cousas están cambiando, para mostra estas xornadas.
Como vimos nesta xornada, noutras partes do estado español, estanse a por en funcionamento iniciativas que buscan o empoderamento das persoas con diversidade funcional no ámbito da sexualidade. É preciso levar a cabo este mesmo proceso en Galicia. Crees que se poderá acadar este obxectivo tras tanto tempo de ocultar a nosa existencia sexual?
Creo que se está a sementar algo tan potente que so pode xerminar e para ben.
Quen imaxinaba fai uns anos que tería lugar esta Xornada nunha Universidade galega? O debate está servido, e é importante que exista, e que interveñan tódalas partes implicadas en que os dereitos sexuais das persoas con diversidade se respecten. E o máis importante que se visibilice e se de voz a tódalas persoas cuxos dereitos sexuais son ignorados e vulnerados.
Sí, é preciso empoderar as persoas con diversidade funcional en Galicia, e proporcionarlles os recursos necesarios para que poidan vivir a súa sexualidade de xeito pleno e satisfactorio, porque é un dereito que se está vulnerando.
Unha das túas múltiples facetas e a de comunicadora a través da Radio Galega. Soe a xente con diversidade funcional expoñerche as súas inquietudes a través deste medio ou segue sendo un especie de tabú abordar abertamente cuestións relacionadas coa nosa sexualidade?
Falar de sexo segue sendo unha das maiores dificultades coas que nos atopamos, e isto é tamén así para as persoas con diversidade funcional. Estou convencida que cunha comunicación axeitada sobre estes temas, desaparecerían moitos problemas e dificultades. De aí que para min a divulgación sexolóxica sexa un piar fundamental do meu traballo, e o que lle dedico unha parte importante do meu tempo. Temos máis e-mails que chamadas, hai que ir rompendo o xeo. Chégannos mensaxes de persoas que escoitan o programa e que nos comentan que lles axuda que se fale de sexualidade de xeito natural e profesional nun medio público. Falando xa estamos derribando barreiras, e cada vez chegan máis preguntas.
É misión tamén dos/as profesionais crear canles de comunicación para que se vaia perdendo o medo a falar.
Intervención de Martina González Veiga Diversidade Funcional e Sexualidades: Unha cuestión de dereitos en la jornada Asistencia sexual. Un dereito para a diversidade funcional
Autor: Carlos Pampillón