José Antonio Novoa, Juan José Maraña e Javier Agrafoxo

Madrid acollerá a II marcha pola visibilidade da diversidade funcional

O vindeiro 13 de setembro, as rúas de Madrid serán o escenario da II Marcha pola Visibilidade da Diversidade Funcional. Sairá ás 18:00 h. da Praza Jacinto Benavente e percorrerá a rúa Atocha ata as proximidades da Glorieta de Atocha.

Para presentar esta iniciativa, na mañá do pasado 2 de setembro, o Presidente de VIgalicia e membro do Foro de Vida Independente, José Antonio Novoa, e o representante da Rede Europea de Vida Independente (ENIL), Juan José Maraña, compareceron diante dos medios de comunicación nunha rolda de prensa na Casa Jimena de Santiago de Compostela.

>Esta é unha iniciativa do Foro de Vida Independente apoiada por máis de 40 entidades sociais máis, entre elas ENIL e VIgalicia. O Foro de Vida Independente é una agrupación cidadá de máis de 750 persoas que loitan contra a discriminación e pola igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional. Tanto o Foro de Vida Independente como VIgalicia loitan polos dereitos das persoas con diversidade funcional sen reparar se esta é física, mental, intelectual ou sensorial.

Baixo o lema ¡Dereitos Humanos Xa! as persoas con diversidade funcional demandarán nesta Marcha unha vida digna, en liberdade dentro do seu entorno social, cos mesmos dereitos e reivindicando que as nosas vidas teñen o mesmo valor que as de dos demais.

José Antonio Novoa e Juan José Maraña

Nesta ocasión, a Marcha quere facer un especial fincapé na necesidade de que os preceptos da Convención da ONU acerca dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, que entrou en vigor no mes de maio deste mesmo ano, se convertan nunha realidade.

Esta Marcha é unha das iniciativas dentro da Rede de Marchas que, entre o día 13 e o vindeiro 10 de decembro, día internacional dos dereitos humanos, sucederanse en toda España en prol da visibilidade da diversidade funcional (estes eventos tamén terán lugar en Galicia e dos que se informará máis adiante).

Esta concentración continúa as iniciativas levadas a cabo polo Foro de Vida Independente tales como o encerro na sede do IMSERSO que tivo lugar o 12 de setembro de 2006 para reclamar unha Lei de Asistencia Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia (LEPA) que dera verdadeira resposta ás necesidades das persoas con diversidade funcional.

Tamén se organizou I Marcha pola Visibilidade da Diversidade Funcional, 15 de setembro de 2007 para deixar patente a sensación de insatisfacción que a LEPA deixou nas persoas con diversidade funcional (a dita concentración acudiron máis de 1.500 persoas).

Outro aspecto que resaltaron tanto Novoa (Vigalicia) como Maraña (ENIL), foi a importancia de que o estado español poña en marcha o acordado na Convención da ONU polos Dereitos das Persoas con Discapacidade. En palabras de Novoa:

“esta convención servirá para que o estado español dote a España das leis necesarias para que as persoas con diversidade funcional teñan unha vida digna ou, no seu caso, facer efectivas as leis xa existentes neste senso. Xa é hora de que as políticas públicas se adapten ás necesidades das persoas e non as persoas ás políticas”

.